Torres cumple a súa ameaza e 'apunta' cara a infanta

Diego Torres declarou hoxe ante o xuíz que el mesmo e o seu socio no Instituto Nóos, Iñaki Urdangarín, negociaron no palacio da Zarzuela a celebración do foro deportivo Valencia Summit co expresidente da Generalitat, Francisco Camps, e a alcaldesa valenciana, Rita Barberá.

Na súa declaración ante o xuíz que instrúe o caso Nóos, José Castro, Torres precisou que a reunión tivo lugar na residencia real en marzo de 2004, segundo informaron a EFE fontes xurídicas.

A Valencia Summit foi un encontro sobre deporte do que se celebraron tres edicións en 2004, 2005 e 2006 na capital levantina e polo que Urdangarín e Torres percibirían fondos públicos que a Fiscalía Anticorrupción considera inxustificados.

Na reunión de Zarzuela só participaron el, Urdangarín, Camps e Barberá, segundo declarou Torres, que a preguntas do xuíz negou que estivese presente o rei.

Respecto da implicación da infanta Cristina e do seu secretario, Carlos García Revenga, na xestión do Instituto Nóos, investigado por presunta malversación de fondos públicos, Torres declarou que ambos eran membros da xunta directiva da entidade, cun papel tan activo como o do resto de integrantes.

Torres, que achegou nova documentación sobre a xestión de Nóos, indicou ante o xuíz e a fiscais anticorrupción que no órgano de dirección do instituto cada membro participaba na xestión dos distintos eidos segundo os seus coñecementos.

A defensa do exsocio do duque de Palma entregou ao xuíz correos electrónicos e documentos sobre a xestión do Instituto Nóos coa intención de pór de manifesto que tanto a infanta como García Revenga interviñan na toma de decisións.

Tamén se referiu en varias ocasións ao avogado José Manuel Romero, asesor xurídico da Casa Real e conde de Fontao, quen recomendou a Urdangarín en 2006 que evitase ter un papel protagonista na actividade pública do Instituto Nóos.

Preguntado pola conta con 960.000 euros ao seu nome achada pola Axencia Tributaria nun paraíso fiscal, Torres asegurou que estes fondos eran froito dos aforros que acumulara antes de porse á fronte de Nóos xunto con Urdangarín.

Torres leva declarando desde as 9.50 horas e fontes xudiciais apuntan que a comparecencia, que seguirá a da súa esposa, Ana María Tejeiro, podería prolongarse varias horas máis.

comentarios