Theresa May eloxia o "heroísmo" do español Ignacio Echeverría no atentado de Londres

A mandataria británica puxo de exemplo a actuación do madrileño para resaltar a necesidade de colaboración entre os países europeos na loita contra o terrorismo
Ignacio Echeverria
photo_camera Ignacio Echeverria

A primeira ministra británica, Theresa May, eloxiou este luns o "heroísmo" que mostrou no atentado na ponte de Londres o pasado 3 de xuño o español Ignacio Echeverría, asasinado cando intentaba impedir que os terroristas agredisen a outras persoas.

"Na ponte de Londres vimos como un banqueiro español morría de forma tráxica cando correu en axuda dunha muller que estaba a ser atacada", dixo May nunha comparecencia no Parlamento para dar conta da súa reunión con líderes europeos da semana pasada en Bruxelas.

"Eses momentos de heroísmo mostran como eses ataques ao noso modo de vida están lonxe de dividirnos", indicou a primeira ministra, que subliñou a necesidade de que o Reino Unido e o resto de países europeos continúen colaborando na loita contra o terrorismo a pesar do Brexit.

A xefa de Goberno eloxiou así mesmo a un panadeiro romanés que se enfrontou aos terroristas e deu acubillo a diversos londinienses na súa panadería" durante o atentado.

Echeverría, de orixe galega, morreu con 39 anos nun ataque o que tres terroristas atropelaron aos viandantes na ponte de Londres e acoitelaron logo de forma indiscriminada ás persoas que se atopaban na zona do mercado de Borough, un incidente no que morreron oito persoas, ademais dos atacantes.

Os familiares do español dixeron días despois que morreu cando trataba de axudar a un policía británico, non a unha muller, como apuntaran en primeiro termo por medo a represalias doutros xihadistas.

May detallou ante os parlamentarios británicos que na última reunión do Consello Europeo defendeu que os países do continente deben "estar unidos para derrotar á ideoloxía extremista que promove o odio e inspira eses ataques".

A dirixente conservadora sostivo en Bruxelas que se debe presionar ás compañías tecnolóxicas para que establezan sistemas que eliminen de forma automática a propaganda dos extremistas.

Agradeceu ademais as mostras de solidariedade que lle expresaron os seus colegas europeos ante a onda de atentados terroristas que sufriu o Reino Unido nos últimos meses.

Tres atentados islamitas entre marzo e xuño deixaron un total de 35 mortos, mentres que un cuarto ataque terrorista causou a morte dun home fronte a unha mesquita de Londres a semana pasada. 

Comentarios