Sánchez anuncia "accións legais" contra quen o acusan de plaxiar a súa tese

ABC publica que copiou parágrafos enteiros e OK Diario apunta que o verdadeiro autor foi un investigador de Industria

Pedro Sánchez. EMILIO NARANJO (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez. EMILIO NARANJO (EFE)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, emprenderá accións legais se non se rectifican as informacións xornalísticas que o acusan de plaxio na súa tese doutoral, segundo anunciou o Palacio da Moncloa este xoves. 

O presidente afirma que é "rotundamente falso que a súa tese sexa un plaxio" polo que anuncia que emprenderá accións legais en defensa "da súa honra e dignidade", salvo que medie rectificación da información publicada. 

O diario ABC publica este xoves en portada que Sánchez copiou parágrafos enteiros doutros autores na súa tese, con anterioridade o diario dixital OK Diario aseguraba este mércores que un investigador do Ministerio de Industria foi o verdadeiro autor da práctica totalidade do traballo académico de Sánchez. 

O líder de Ciudadanos, Albert Rivera, levou este mércores á sesión de control ao Goberno no Congreso as dúbidas que planean desde hai tempo sobre a tese de Sánchez, quen se defendeu asegurando que o seu traballo está colgado na Base de Datos de Teses Doutorais (Teseo). 

As dúbidas sobre a tese do xefe do Executivo parten dunhas supostas declaracións do exministro de Industria Miguel Sebastián nun foro privado –desmentidas posteriormente por el– nas que diría que a práctica totalidade do traballo de Sánchez fixéronllo no departamento de Industria.

Este mércores tras a pequena liorta nas Cortes á mantenta da tese doutoral do presidente, producíronse colas de xornalistas na universidade privada Camilo José Cela (CJC) para ler o traballo do presidente do Goberno, cuxa única copia está depositada na biblioteca do campus. 

Comentarios