Ministerio e comunidades acordan manter os peches perimetrais en Semana Santa

Non se recolle a recomendación de que os estudantes universitarios non volvan ao seu lugar de orixe
La ministra de Sanidad, Carolina Darias. EFE
photo_camera A ministra de Sanidade, Carolina Darias. EFE

A Comisión de Saúde Pública, na que se atopan representadas todas as comunidades e cidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, acordou este xoves o peche perimetral das comunidades autónomas e a limitación da mobilidade nocturna das 22 ás 6 horas con motivo da Semana Santa.

O acordo será ratificado o vindeiro mércores no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, segundo informou o Ministerio de Sanidade nun comunicado. A principal novidade con respecto ao borrador que se ía a discutir é a eliminación, por falta de acordo, da recomendación de que os estudantes universitarios que residan durante o curso académico noutra autonomía ou país non poidan volver ao seu lugar de residencia

O texto pide evitar "viaxes non necesarias" e insta as autonomías a "non baixar o nivel de alerta" desde as dúas semanas previas ao comezo de Semana Santa "aínda que os indicadores sexan favorables" e "manter as medidas establecidas nese momento". 

Así, a mobilidade estaría limitada polo peche perimetral de todas as comunidades autónomas, aínda que coas excepcións xa reguladas polo actual estado de alarma, como o "retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar" ou as causas de forza maior. Recoméndase, á súa vez, que nos casos suxeitos a estas excepcións se realice unha PCR ou test de antíxenos antes da viaxe ou á chegada. 

Chaman a que as reunións non superen as catro persoas

Ademais, Sanidade e comunidades optaron por non celebrar eventos masivos "de calquera índole que impliquen aglomeración ou concentración de persoas". "As cerimonias en espazos pechados seguirán as normas de aforamento e outras medidas establecidas segundo o nivel de alerta de cada comunidade autónoma", sostén o texto. 

Xunto con estas limitacións, apúntase unha restrición de aforamento en reunións a un máximo de catro persoas tanto en interiores como exteriores. Igualmente, desaconséllase "expresamente" a celebración de encontros sociais nos domicilios ou noutros espazos pechados con non conviventes. 

Ademais, considérase "pertinente" facer unha campaña institucional para evitar a relaxación de comportamentos. "Este esforzo debe incluír a integración nas estratexias de comunicación de elementos dirixidos a reducir o impacto da fatiga pandémica nas medidas de control e expoñer os escenarios de risco previstos incluíndo a esperanza que achegan os bos resultados das vacinas utilizadas para o control da epidemia", apúntase no texto. 

Comentarios