Sánchez desatende a PP e Cs sobre o 155: "A moderación é outra forma de fortaleza"

Casado pedía activar o mecanismo e Rivera executalo directamente, mentres Iglesias avoga pola "desinflamación"

Pedro Sánchez. MARISCAL
photo_camera Pedro Sánchez. MARISCAL

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, convocou este mércores, tras dous días de altercados en Cataluña, aos principais líderes da oposición, a quen expuxo que actuará con "moderación" e "firmeza" ante os episodios de violencia e sen descartar ningún escenario.

Nunha comparecencia na Moncloa, tras reunirse cos líderes de PP, Ciudadanos e Unidas Podemos, advertiu ao presidente da Generalitat, Quim Torra, de que ningún gobernante "pode ocultar o seu fracaso con cortinas de fume e lume" e reclamoulle que condene "sen escusas nin paliativos" o uso da violencia en Cataluña.

E insistiu en que a resposta do Goberno seguirá baseada en tres regras, que xa reiterou estes días, que son "firmeza, unidade dos partidos e proporcionalidade na resposta".

Por iso rexeitou a aplicación agora do 155 ou a Lei de Seguridade Nacional porque, segundo dixo, "é moi importante que os violentos e quen os amparan ou acirran, aínda que sexa de palabra", se enfronten á "moderación" como resposta, xa que a súa esperanza é que o Goberno entre nas súas "provocacións".

O secretario xeral do PSOE, José Luís Ábalos, foi claro ao puntualizar que "non se dan os supostos" para aplicar a lei de Seguridade Nacional en Cataluña nin o artigo 155, aínda que garantiu que o Goberno está "atento" para que a violencia "non quede impune".

Tanto o líder do PP, Pablo Casado, como o de Ciudadanos, Albert Rivera, reclamaron a Sánchez que actúe xa e de xeito contundente con accións que deriven na activación deste artigo constitucional -que xa se aplicou en 2017-, aínda que o primeiro de xeito máis moderado que o segundo.

Mentres, o secretario xeral de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, manifestou que apoiará ao Goberno naquelas medidas que incidan na "desinflamación" e mostrouse contrario ás "medidas excepcionais" que expoñen Casado e Rivera, polo que instou a Sánchez a dicir se está con eles ou polo diálogo.

Casado reclamou que o Consello de Ministros envíe o requirimento previo a Torra para estar "preparados" por se hai que volver intervir a autonomía catalá, aínda que antes cre que hai que aplicar a Lei de Seguridade Nacional e que a Fiscalía actúe contra o presidente catalán.

Na súa comparecencia na Moncloa, considerou que Sánchez está "excedido pola imprevisión" e saíu da reunión máis preocupado que cando chegou porque viu a un presidente en funcións que "ou está moi confiado ou o ten moi agarrado", segundo fontes próximas ao líder popular.

CIUDADANOS. Rivera esixiu directamente o 155 "de verdade e sen complexos" para cesar a Torra, porque considera que non se pode manter a un "condutor suicida" á fronte dunha comunidade, e a Lei de Seguridade Nacional nestes momentos sería "insuficiente" xa que non evitaría esta situación.

Aparte instou a un maior despregamento de policías para "blindar" Barcelona, algo que o Goberno xa ten previsto xa que a Policía Nacional enviará a partir desta fin de semana novos efectivos.

A vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, pediu a todos os partidos políticos "lealdade e compromiso co Goberno" e apoiar as medidas que decida para "atopar saídas" á situación de Cataluña e iso supón "non meter presión", especificou e que "todo o mundo axude".

Vox pide que se declare o estado de excepción
Vox foi o que foi máis aló que o resto de partidos, ao considerar que ante a situación de gravidade "excepcional" en Cataluña non é suficiente nin a lei de seguridade nin o 155, e solicitou directamente a aplicación do artigo 116, a declaración do Estado de excepción en Cataluña.

Neste particular cruzamento de propostas ao Goberno, máis ou menos esixentes, para afrontar a situación en Cataluña, transcorreu a xornada na política nacional a falta de 24 días para as eleccións xerais.

A precampaña quedou nun segundo plano, aínda que todos os partidos usaron este novo episodio da crise catalá para achegar a ascua á súa sardiña.

Comentarios