Sánchez propón prohibir por lei as amnistías fiscais

O presidente do Goberno recoñece no Congreso a imposibilidade de publicar os nomes dos defraudadores acollidos á amnistía do Executivo do PP

Pedro Sánchez, en el Congreso. KIKO HUESCA (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez, no Congreso. KIKO HUESCA (EFE)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recoñeceu este martes a imposibilidade de publicar os nomes dos defraudadores acollidos á amnistía fiscal do anterior Executivo e anunciou un anteproxecto de lei de loita contra a fraude que incluirá a prohibición de que haxa novas amnistías.

Sánchez, que presentou este martes no Congreso dos Deputados o seu programa de goberno, incidiu en que o Tribunal Constitucional xa declarou nula a amnistía fiscal aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy nunha sentenza "durísima" que sinalou, ademais, a súa irretroactividade.

Por iso, lamentou, non é posible revisar os casos que se acolleron e, xa que logo, dar a coñecer os nomes de quen se acolleron a esta medida "ilegal e inxusta".

"Non podemos modificar un pasado xa sentenciado, xa me gustaría, créanme, pero si podemos evitar novas amnistías", resaltou o xefe de Executivo, cuxo anteproxecto de lei de loita contra a fraude e a elusión fiscal, ademais de prohibilas, actualizará a lista de paraísos fiscais.

Sánchez recordou que foi o PSOE o que presentou o recurso ante o Tribunal Constitucional contra a amnistía do Goberno do PP, que "para xustificala" dixo que pretendía recadar 2.500 millóns de euros "e nin sequera chegou á metade".

Comentarios