AVANCE

As máscaras serán obrigatorias no transporte público desde o día 4

Sánchez anuncia un fondo para a reconstrución con 16.000 millóns de euros para as comunidades autónomas. Adianta que solicitará unha nova prórroga do estado de alarma. Os negocios que reabran o luns só poderán atender un cliente por traballador e con cita previa
Pedro Sánchez, durante su comparecencia. EP
photo_camera Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia. EP

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este sábado que a partir do día 4 de maio o uso de máscaras no transporte público será obrigatorio. Na súa comparecencia deste mediodía desde Moncloa, Sánchez explicou que o Goberno repartirá desde o luns 6 millóns de máscaras nos puntos quentes do transporte público e outros sete millóns máis que se distribuirán aos municipios. Outro millón e medio de máscaras poranse en circulación a través de varias institucións sociais.

FONDO NON REEMBOLSABLE. Ademais, Sánchez adiantou que mañá presentará un fondo non reembolsable destinado ás comunidades autónomas para a reconstrución dotado con 16.000 millóns de euros e cuxas liñas mestras dará a coñecer este domingo aos presidentes autonómicos. 

O presidente do Goberno adiantou que o fondo que se presentará terá un impacto de 10.000 millóns para o gasto sanitario, que é onde, segundo dixo, máis están a investir os gobernos autonómicos. Así mesmo, 5.000 millóns terán como obxectivo paliar as consecuencias da "caída económica", mentres que os 1.000 millóns restantes irán destinados ao gasto social.

Sánchez explicou esta medida ten o obxectivo de "prepararnos mellor ante as consecuencias económicas e sociais que xa comezan a verse polo parón da actividade económica" e lembrou que se suman a outras baterías de accións dirixidas a "protexer a economía".

Uns 10.000 millóns do fondo para as comunidades destinaranse á sanidade

APERTURAS. A dous días da reapertura limitada dalgúns comercios e actividades, o presidente explicou que os negocios só poderán atender un único cliente por cada traballador co fin de garantir a seguridade ante posibles contaxios por coronavirus. Ao mesmo tempo, subliñou que se poderá atender o público soamente baixo o sistema de cita previa

De igual forma, explicou que se poderán realizar pedidos en restaurantes e cafeterías por teléfono, aplicacións móbiles ou correo electrónico, confirmando que se poderá ir directamente ao establecemento a recoller a comida. 

NOVA PRÓRROGA.  Sánchez tamén anunciou que pedirá a o mércores ao Congreso a aprobación dunha nova prórroga do estado de alarma, a cuarta, doutros 15 días. 

"Sabemos agora que o estado de alarma funcionou e sabemos que segue sendo necesario", afirmou Sánchez, nunha comparecencia en Moncloa. 

A actual prórroga, a terceira, entrou en vigor o domingo 26 de abril, e prolongarase ata a medianoite do 9 ao 10 de maio. 

O Goberno, para aprobar a prórroga, necesita a maioría simple do Congreso. Na última votación, o 23 de abril, a prórroga saíu adiante con 269 votos a favor, 60 en contra e 16 abstencións.  "Imos gañando a batalla contra a epidemia pero cun custo moi alto en vidas. O virus non marchou", subliñou Sánchez. 

Comentarios