Sánchez anuncia que haberá 13.000 puntos de vacinación para unha campaña que arrincará en xaneiro

Afirma que o estado de alarma "está a funcionar" e expón unhas recomendacións comúns en todas as comunidades para o Nadal 
Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez, este domingo. EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este domingo algúns detalles do plan de vacinación contra o coronavirus que se presentará no Consello de Ministros do martes que contará con 13.000 puntos de vacinación para garantir un "acceso equitativo ás vacinas" a través da Atención Primaria. 

"O Goberno garantirá que todos os grupos priorizados teñan acceso á vacina. Para iso, acordarase no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde unha estratexia única de vacinación", explicou Sánchez en rolda de prensa en Moncloa. A partir de aí, asegurou que "unha parte moi substancial da poboación poderá ser vacinada con todas as garantías no primeiro semestre do ano". 

Segundo dixo, a campaña porase en marcha en xaneiro e contará con 13.000 puntos de vacinación. Neste sentido recordou que cada ano se vacina en España para a gripe a 10 millóns de persoas. "O Sistema Nacional de Saúde está preparado para lograr este obxectivo", subliñou Sánchez, quen recordou que este ano, en oito semanas, vacináronse 14 millóns de persoas da gripe. 

O presidente do Goberno explicou que a estratexia única de vacinación deseñouse cun grupo de expertos multidisciplinar no que se inclúen "expertos das comunidades autónomas, do Consello Interterritorial ou de bioética". 

Sánchez recordou que a UE xa asinou cinco contratos para 1.200 millóns de doses ampliables, dos que a España lle van a corresponder o 10% pola porcentaxe de poboación.

O presidente avanzou tamén o compromiso do Goberno de incrementar "ata 10.000" as prazas de profesionais con formación sanitaria para reforzar os servizos de saúde das comunidades autónomas e fortalecer o sistema nacional de saúde. 

Evitar unha terceira onda
O presidente do Goberno recoñeceu que o próximo Nadal "vai a ser diferente aos que coñecemos sempre", e indicou que o Consello Interterritorial está a traballar xa nunha planificación específica dun "Nadal que a será distinto, pero seguro". 

"Este ano teremos que permanecer a distancia dos nosos seres queridos no canto de abrazalos. A prioridade debe ser evitar unha terceira onda", subliñou. 

O presidente do Goberno indicou que o estado de alarma funcionou na primeira onda "e está a funcionar nesta segunda". Ademais, avanzou que este luns a incidencia acumulada do covid-19 estará por baixo dos 400 casos por 100.000 habitantes en 14 días. 

Comentarios