O xuíz Ruz cita de novo a Bárcenas ao constatar que puido facerse con diñeiro da 'caixa B' do PP

O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz citou de novo a declarar o extesoureiro do PP Luis Bárcenas o 10 de abril en vista dos indicios de apropiación de diñeiro da "caixa B" do PP.

Nun auto, o xuíz acepta a petición das acusacións e da Fiscalía de que declare ante a previsión de que conclúa a instrución do caso Gürtel.

O xuíz cítao polos indicios existentes dunha "eventual distracción" por parte de Bárcenas dos fondos da "contabilidade paralela ou B do PP" que el controlaba como xerente e tesoureiro do partido. Todo isto, tería ocasionado "o presunto acrecentamento do seu patrimonio e da súa esposa en contas bancarias de España e Suíza".

Ruz segue o criterio das fiscais do caso Gürtel, que sinalan os indicios de que Bárcenas se apropiou dunha parte dos fondos da "caixa B" do PP, a cal se nutría, principalmente, de donativos efectuados por persoas relacionadas con entidades beneficiarias de importantes adxudicacións públicas".

Segundo as fiscais, o extesoureiro encubriría estas subtraccións como supostas entregas a distintos "destinatarios", como podería ser o caso de 150.050 euros que depositaría nas súas contas suízas e outros 149.600 que serían retirados da "caixa B".

Este último diñeiro sacouno Bárcenas da suposta contabilidade paralela do partido para comprar accións dun medio de comunicación, pero a cantidade finalmente podería ser ingresada nunha conta da súa muller para pagar un inmoble.

As fiscais Concha Nicolás e Concha Sabadell afirman no seu informe que os fondos de Suíza do matrimonio Bárcenas procederían, "en parte, do cobro de distintas comisións vinculadas a adxudicacións públicas e ocultáronse á Facenda Pública non reflectíndose nas correspondentes declaracións tributarias".

Na súa declaración, indica o xuíz, os imputados poderán achegar toda a documentación que crean pertinente para defenderse das acusacións e esclarecer os feitos.

Ruz tamén amplía no auto unha petición de información a Suíza en relación á conta Bispado do banco Lombard Odier e as transferencias que recibiu doutra conta da Banca de Gottardo en Lugano e que Bárcenas relacionou co tamén extesoureiro popular Rosendo Naseiro.

O xuíz tamén se refire á petición da defensa de Bárcenas de que avogado e cliente poidan entrevistarse na prisión de Soto del Real (Madrid), onde está ingresado o tesoureiro, sen un biombo polo medio e nun habitáculo especial.

A Fiscalía apoia esta petición e Ruz pide agora ao avogado que argumente as razóns en que apoia esta reclamación.

Comentarios