Rubalcaba responde a Felipe González que non haberá gran coalición co PP

O líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, deixou hoxe claro que mentres el sexa secretario xeral dos socialistas non haberá unha gran coalición de goberno co PP, porque non cre que fose bo para o seu partido nin para España.

En declaracións a Onda Cero, recollidas por Efe, Rubalcaba descartou así a posibilidade de que haxa unha gran coalición entre os dous principais partidos logo das próximas eleccións xerais, en contra dalgunhas voces, como a do expresidente Felipe González, quen non o ve con malos ollos no caso de que o país así o requira.

"Mentres eu sexa secretario xeral do PSOE non haberá goberno de concentración, porque non sería bo para España nin para o PSOE e porque se deixaría sen alternativa a unha parte sustantiva da poboación", resolveu Rubalcaba, quen recordou que, en contra de países como Alemaña, en España non houbo nunca esa tradición e non houbo coalición nin sequera despois do 23F.

Segundo Rubalcaba, xa demostrou que non lle falta "valor" para falar co PP cando cre que fan falta pactos de Estado, por exemplo en política antiterrorista, política europea ou contra a consulta soberanista en Cataluña. "Pero unha cousa son grandes acordos e outra ir a un goberno de concentración; é que non o vexo", insistiu.

Tamén rexeitou que o resultado das eleccións europeas do próximo 25 poida condicionar a "folla de ruta" do PSOE e afirmou que se manterá o calendario de primarias abertas, ocorra o que ocorra. Non quixo desvelar, neste punto, se el ten intención de presentarse a esas primarias ou se se lle pasa pola cabeza deixar a primeira liña da política. "Claro que hai vida fóra" (da política), argumentou ao ser preguntado polo seu futuro, para incidir en que neste momento o seu preocúpalle "moito menos" que outras cousas, como os inminentes comicios europeos.

Comentarios