Rouco Varela sofre un escrache de cristiáns ante o seu novo palacete

Os participantes na iniciativa, crentes, queixábanse da vida opulenta do exarzobispo de Madrid

O que fora arcebispo de Madrid ata o pasado mes de agosto, Antonio María Rouco Varela, sufriu un escrache diante da súa nova casa este venres. Os participantes na protesta, convocada por Cristiáns de Base pouco antes de realizarse para que non se congregase no lugar unha multitude, queixábanse da nova vida que comezou nunha luxosa vivenda cerca do palacio de Oriente o sacerdote vilalbés.

Aínda que ao principio seguiu vivindo no Palacio Episcopal, despois trasladouse á casa que se converteu no foco da polémica. "Se Xesucristo estivese aquí agora, non só formaría parte do escrache senón que xa estaría intentando subir a falar con Rouco", aseguraban algunhas das persoas, a maioría crentes, que se reuniron para participar na queixa.

Ademais de Cristiáns de Base, tamén se uniron membros de Redes Cristiás, a organización Fe Adulta e a plataforma dos Yayoflautas. Os manifestantes recordaban que se trata "dun piso de 300 metros cadrados, onde vive cun axudante e un secretario e dúas monxas que o atenden". Os participantes aseguraron que o principal motivo da convocatoria era "recordarlle que co diñeiro que Rouco gasta poderíase axudar a moitas persoas que o están pasando mal ou están a ser desafiuzadas".

Comentarios