Rosa Díez crea a plataforma Unión 78 para combater o quebracabezas territorial

Conta co apoio de, entre outros, o exalcalde da Coruña Francisco Vázquez
Presentación de Unión 78. YOUTUBE
photo_camera Presentación de Unión 78. YOUTUBE

A expresidenta de UPyD Rosa Díez presentou este mércores Unión 78, unha plataforma de activismo político "sen pretensións electorais" para "defender os cidadáns" do Goberno actual, que "pacta con separatistas", e para combater "o quebracabezas territorial" con protestas a partir de marzo. A plataforma conta co apoio, entre outros, do exalcalde socialista da Coruña Francisco Vázquez.

Díez, que ocupou varios cargos como representante do PSOE antes de crear UPyD, reivindica a necesidade dunha plataforma nacional ao estilo do movemento Xa abonda —que a finais dos anos 90 convocou manifestacións masivas contra o terrorismo—, para defender "o que nos une por enriba dos partidos políticos".

No acto de presentación, en Madrid, Díez estivo acompañada polo filósofo Fernando Savater, a exdirixente popular María San Gil ou o exdeputado socialista Jesús Cuadrado, quen expresou o seu desencanto e o doutros votantes do PSOE co seu antigo partido porque, ao seu xuízo, a día de hoxe "non nos representa". Ademais de Cuadrado e Francisco Vázquez, a plataforma dá cabida a representantes do movemento estudantil S'ha Acabat ou da cultura como os escritores Andrés Trapiello e Elvira Roca.

Os membros da plataforma presentes no acto coincidiron en criticar a mesa de diálogo sobre Cataluña entre o Goberno central e o catalán, que este mércores se reúne por primeira vez en Moncloa.

Unión 78 quere ter o seu oco xunto a outros movementos similares como Asociación Civil Catalana, segundo Rosa Díez, quen asegurou que non se deixarán instrumentalizar por ningún partido político.

Comentarios