Rajoy: "A miña intuición dime que non haberá terceiras eleccións"

Na súa primeira aparición este mércores no popular programa de televisión 'El Hormiguero', de Antena 3, o presidente do Goberno en funcións afirma que "non sabía nada" das gravacións ao ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, e que este "non vai dimitir"
El presidente del Gobierno en funciones, Mariano Rajoy (derecha), durante su intervención de este miércoles en el programa 'El Hormiguero' de Antena 3
photo_camera El presidente del Gobierno en funciones, Mariano Rajoy (derecha), durante su intervención de este miércoles en el programa 'El Hormiguero' de Antena 3

O presidente do Goberno en funcións e candidato do PP á reelección, Mariano Rajoy, mostrouse convencido de que non haberá unha terceira convocatoria electoral porque "ao final imporase o sentido común" e logrará o apoio doutras forzas políticas, en alusión ao PSOE e Ciudadanos, que son, na súa opinión, as que coinciden "no fundamental" dos seus programas. "Aínda que teñamos as nosas discrepancias e as nosas historias", admitiu.

Así o dixo na súa primeira aparición este mércores no popular programa de televisión El Hormiguero, de Antena 3, onde afirmou, con certo sarcasmo, que "está disposto a falar" co socialista Pedro Sánchez e "non pedir a dimisión" do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, para "facilitar as cousas" logo da xornada electoral do próximo 26 de xuño.

Deste xeito, Rajoy insistiu en que "intentará" falar con todas as formacións tras o 26-J, incluída Podemos, para propor un pacto de goberno entre o PP, PSOE e Ciudadanos como expuxo tras as xerais do pasado 20 de decembro. "Sería moi positivo e teriamos aforrado o espectáculo destes meses", dixo o líder do PP cualificando a nova convocatoria electoral como "unha situación rocambolesca".

Deste xeito, Rajoy foi sarcástico ao precisar que está disposto a falar con Pedro Sánchez, que se negou a negociar co PP un pacto de investidura, e a non reclamar a dimisión de Albert Rivera, que solicita que Rajoy se bote ao carón e renuncie á presidencia do Goberno para sentar a falar cos populares.

"A miña intuición dime que non haberá terceiras eleccións", insistiu o presidente en funcións, que argumenta o seu vaticinio no seu convencemento de que "o grao de irresponsabilidade" doutros partidos "terá o listón nalgún sitio", polo que acabarán apoiando a lista máis votada nas eleccións.

"Salvo que Rivera e Sánchez queiran facer presidente o señor Iglesias, pero non me parece que sexa a mellor alternativa para España", sinalou, para despois criticar con ironía o candidato de Unidos Podemos. "É un home que ten unhas conviccións profundas, antes era de extrema esquerda e agora é socialdemócrata", dixo un Mariano Rajoy, que se mostrou relaxado durante toda a entrevista.

SOBRE CATALUÑA: "AO FINAL AS COUSAS ARRÁNXANSE". O presidente do Goberno en funcións tamén reclamou "diálogo" para resolver a cuestión catalá. "Ao final as cousas arránxanse", asegurou, aínda que volveu marcar como incuestionable a unidade de España e a igualdade de todos os españois. Ademais, Rajoy subliñou que a singularidade de Cataluña xa está recollida na Constitución, como ocorre con outras rexións como Euskadi, Navarra e Canarias.

"España é un país que trata os que non son iguais de forma desigual que é o lóxico", dixo textualmente, aínda que Rajoy precisou que "en dereitos, deberes e oportunidades" os españois deben "ser iguais". "España non é un país perfecto, pero é un dos mellores do mundo", proclamou.

Durante a entrevista, Rajoy non evitou ser preguntado polos casos de corrupción que durante os últimos anos protagonizaron políticos e cargos públicos do Partido Popular, negando que coñecese ningún deles ata que foron destapados. "Se tivese información, tería actuado", asegurou.

Neste sentido, Rajoy cualificou como "moi duro e desagradable" que se revelen estes casos de corrupción, e comprometeuse a "facer o posible" para que "non volvan ocorrer nunca máis".

"NON SABÍA NADA" DAS GRAVACIÓNS. Doutra banda Rajoy referiuse á publicación da conversación entre o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, e o director da Oficina Antifraude da Generalitat, Daniel de Alfonso, e negou que o ministro vaia dimitir por esta cuestión: "Non, o ministro do Interior non vai dimitir".

Ademais, respondeu ás acusacións que se verteron respecto diso dicindo que é "absolutamente falso" que se trate de "ningunha conspiración contra os partidos independentistas de Cataluña".

O xefe do Executivo insistiu en que non coñeceu ata este martes a existencia desa reunión no despacho do titular de Interior e en que Jorge Fernández explicoulle que esas conversacións son "habituais", e que lle trasladou a súa "preocupación" pola gravación e divulgación das mesmas.

Rajoy preguntouse por que se difundiron agora, na recta final da campaña electoral, provocando que os independentistas cataláns e os líderes do PSOE, Podemos e Ciudadanos pidan dimisións.

Ante iso, lamentou que se pretenda condenar as persoas "en quince segundos" e que "o dereito a defensa non existe".

"Eu ordenei que se abra unha investigación pero non se poden tomar decisións a treo, nin moito menos emitir xuízos como algúns fixeron sen ter en conta nada; simplemente din isto convenme porque hai eleccións o domingo e se cadra podémoslle facer dano a alguén. Así é a vida", explicou.
 
En todo caso recalcalcou que el está "moi tranquilo" e ve o titular de Interior en funcións tamén "moi tranquilo".

E sobre a decisión do Parlamento catalán de cesar o xefe da Oficina Antifraude por estas gravacións dixo que "o que faga o Parlament de Cataluña incúmbelle a el. Eu non o nomeei pero a impresión que teño é que estaba a intentar cumprir coa súa función, que é perseguir o delito", indicou sobre Daniel de Alfonso.

En calquera caso, o xefe do Executivo en funcións pediu esperar ás conclusións da investigación aberta pola Policía Nacional, a instancias de Interior, para determinar "por que foran gravadas e por que se entregaron a un medio de comunicación". "Imos ver que sae desa investigación", apostilou.

Nesta liña, considerou "moi sorprendente" que houbese un micrófono no despacho do Ministerio —"eu fun ministro do Interior e espero que non me ocorrese a min; polo menos non saíu", dixo— pero que tratarán de pescudalo. "¿Como é posible? Non teño ningunha resposta pero gustaríame tela pronto", alegou.

NON TOCA UNHA PISTOLA DESDE A MILI. Rajoy tamén se enfrontou a un cuestionario máis persoal durante a súa visita ao programa El Hormiguero presentado por Pablo Motos e desvelou anécdotas dos seus catro anos na Moncloa. "Hai unha cousa rechamante, cando es presidente dáste conta que por enriba de ti non hai ninguén", confesou cando se lle preguntaba polos seus primeiros días como presidente.

O candidato do PP tamén desvelou que na Moncloa existe un teléfono "para falar sen que se decate ninguén" que non utilizou nunca polo seu complicado protocolo. "E é negro", precisou. O palacio de residencia do presidente cualificouno como "unha casa moi grande e que materialmente está moi ben", e a pesar da súa amplitude, asegura que nunca se perdeu, nin ao espertarse pola noite. "Eu pola noite estou a durmir e non dou paseos", resolveu.

Nun ton máis distendido, a Rajoy preguntóuselle por se algunha vez tivo a tentación de pedir ao seu escolta a arma para pegar algúns tiros. "Non usei unha pistola na miña vida salvo cando fixen o servizo militar en Valencia, e alí algúns tiros si peguei, e era bastante malo", relatou.

Comentarios