Rajoy: "Ciudadanos e PSOE fixérono imposible; foi todo postureo"

O líder do PP lamenta no congreso de Novas Xeracións que non aceptasen a súa proposta, que "era e segue sendo a sensata"
Mariano Rajoy, en la convención de Nuevas Generaciones en Córdoba
photo_camera Mariano Rajoy, en la convención de Nuevas Generaciones en Córdoba

O presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, acusou directamente a PSOE e Ciudadanos de ser os responsables de que vaian celebrarse novas eleccións por non aceptar a gran coalición co PP. "Eles fixérono imposible", sentenciou. E fronte ao "postureo" e o "aparentar e aparentar para non chegar a ningún lado, aquí está un partido, o PP, como sempre útil aos españois", dixo Rajoy na clausura da convención nacional de Novas Xeracións, que se celebrou en Córdoba, na que insistiu en que a súa proposta "era e segue sendo a sensata", pero non foi debatida porque "o PSOE non quixo" e "os demais, empezando por Ciudadanos, tampouco".

Admitiu que nos próximos dous meses falarase moito de "quen é o responsable" desta situación, e ante ese debate díxolles aos seus: "No PP podemos estar tranquilos, fixemos o que tiñamos que facer sen caer na ansiedade ou noutras cousas ou actitudes peores aínda".

En todo momento referiuse Rajoy a "eles", PSOE e Ciudadanos, como os responsables da situación que vive o país. "Eles", dixo, "non foron capaces e non quixeron aceptar a alternativa da razón, a lóxica e a moderación", que era o pacto que el propuxo un día logo das eleccións, o 21 de decembro.

Volveu ademais a criticar as "reunións, dimes e diretes" así como as "fotos, acusacións e ocorrencias" destes meses. E arremeteu con dureza contra Ciudadanos ao falar de "un partido entregado ao candidato doutro partido e o seu programa". Para Rajoy, a "foto final destes catro meses" foi por unha banda a de "PSOE e Ciudadanos xuntos" e por outro a de "Ciudadanos, o PSOE e Podemos nunha reunión a 18 intentando chegar a un acordo de goberno". "Francamente, había fotos mellores, máis sensatas e moito máis útiles aos españois", sinalou.

Tras insistir varias veces en que a proposta que fixo o 21 de decembro, a da "coalición moderada" e "europea", era a mellor para España", Rajoy pechou o seu discurso asegurando que sente "en forma" e "con ganas", e está disposto a dar "a batalla" unha vez máis, pensando xa na máis que posible nova cita electoral.

Comentarios