Rajoy, un "cidadán normal" que aplaude a chegada do VAR

O expresidente do Goberno conta como é a súa nova vida: "Á compra vou máis en Galicia"

Mariano Rajoy. CHEMA MOYA
photo_camera Mariano Rajoy. CHEMA MOYA

O expresidente Mariano Rajoy asegurou, oito meses despois de deixar o Palacio da Moncloa, que non lle custou volver ser "un cidadán normal". Aínda que admitiu que chegar á Presidencia do Goberno é "unha gran honra", "son moitos os inconvenientes e é moita a presión", sobre todo porque hai que "tomar decisións difíciles e non sempre a xente o entende ben". 

Nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, Rajoy recalcou que ser presidente supón unha "responsabilidade dunha enorme complexidade" e "moi difícil". Agora, explicou, exerce a súa "profesión" como rexistrador mercantil de Madrid e acode ao traballo de luns a venres. 

Rajoy rexeitou que lle cambiou ser presidente do Goberno, agás que agora ten "uns cantos anos máis". "Realmente, eu creo que son moi parecido a como era cando cheguei á Presidencia do Goberno. Dígollo, tal como o sinto", manifestou. 

"No Goberno non se está demasiado acompañado"

Ao ser preguntado se lle custou converterse nun cidadán normal, admitiu que a el lle custou "moi pouco". De feito, recordou que o día 31 de maio foise durmir "á súa casa" e nos dous seguintes días celebrouse a toma de posesión do novo presidente do Goberno, tras a moción de censura. "Non me custou. Dígollo francamente e ademais estou moi a gusto", apostilou. 

O ex xefe do Executivo, que estivo no Goberno desde finais de 2011 ata 2018, sinalou que na súa casa "está moi a gusto", como o estaba tamén en Moncloa. "Pero o importante na vida é ser positivo. Sendo positivo pódese ser feliz. E eu desde logo neste momento estou contento e estou cómodo", afirmou. 

Ademais, sinalou que na Presidencia do Goberno non se está "demasiado acompañado" nos "momentos difíciles", a pesar de contar con asesores e colaboradores. "Sempre hai decisións que ten que tomar un e non queda o recurso de mirar cara arriba porque non hai ninguén alí", salientou. 

Rajoy asegurou que agora como expresidente conta cunha secretaria e con seguridade, á vez que recoñeceu que el se "afixo" a estar observado porque son "moitos anos" en política. Ao seu entender, "hai que ser positivo en calquera faceta da vida" porque "enfadarse non serve para moito, máis ben ao contrario". 

"Fun algunha vez á compra, sobre todo en Galicia"

En cando á súa vida diaria actual, revelou que come máis en casa e cea "practicamente todos os días". Preguntado se vai á compra coa súa muller, dixo que o fixo "algunha vez, sobre todo en Galicia". 

Ademais, precisou que a xente se está "portando moi ben" con el. "Haberá moita xente á que non lle guste pero polo menos ten a boa educación de non contarmo, co que é moi satisfactorio", recalcou

"O VAR fai que as decisións sexan máis xustas"
Tras admitir que está máis cómodo cos xornalistas deportivos que cos xornalistas parlamentarios, dixo que non foi ao campo a ver o fútbol, pero volverá facelo co seu abono porque era "moi agradable". En canto ao VAR (sistema de videoarbitraxe), mostrouse partidario porque "fai que as decisións sexan máis xustas que sen el". "Merece o meu balance favorable", engadiu. 

Nos seus anos de Goberno, cando tivo que facer fronte "á maior crise económica" que sufriu España, recoñeceu que deportistas como Alonso, Rafa Nadal ou a Selección Española de fútbol "foron fonte de satisfacción" neses "tempos difíciles". 

Comentarios