O barómetro preelectoral do CIS dá o dobre de escanos ao PSOE que ao PP

Os socialistas poderían formar goberno con Ciudadanos ao sumar un total de 189 escanos

Estimación de escaños, según el CIS. EFE
photo_camera Pedro Sánchez nun mitin. JAVIER BELVER (Efe)

O PSOE podería optar por formar Goberno con Ciudadanos -138 do PSOE e 51 de Cs- ou coa suma de Unidas Podemos, as súas confluencias e Compromís -181 deputados- segundo o último barómetro preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

Por contra, o PP, Ciudadanos e Vox non alcanzaría en ningún caso a maioría absoluta do Congreso, cifrada en 176 escanos, xa que no mellor dos casos só sumarían 166 escanos: 76 do PP, 51 de Cs, 37 de Vox, e os dous de Navarra Suma, a coalición de UPN, PP e Cs.

Segundo a enquisa - na que un 41,6% non ten decidido o voto- o PSOE sería a forza máis votada con ata 138 escanos e un 30,2 en estimación de voto -cunha pinza de 123 a 138 deputados- duplicando practicamente ao PP, que tería un máximo de 76 escanos e un mínimo de 66 deputados cun 17,2 por cento dos sufraxios.

En terceiro lugar colocaríase Ciudadanos, cun máximo de 51 escanos e un mínimo de 42 deputados cun 13,6 por cento, seguido de Unidas Podemos cunha pinza de entre 28 e 34 escanos -12,3 por cento-, aos que sumaría os 5 a 7 escanos de En Comú, cun 0,6 por cento.

Compromís, podería obter dun a dous escanos, co 0,9 por cento en estimación de voto.

Xa en quinto lugar, VOX irrompería no Congreso, cunha estimación de escanos de entre 29 e 37 escanos, cun 11,9 por cento dos votos.

O Partido Animalista PACMA tamén podería entrar na Cámara Baixa, con ata dous escanos e un 1,4 por cento dos apoios.

ERC duplicaría a súa presenza no Congreso con entre 17 e 18 escanos -4,5 por cento- en detrimento de JxCat que quedaría practicamente coa metade, cun máximo de cinco deputados fronte aos oito de agora.

PNV subiría un escano de cinco a seis -1,3 por cento dos votos-, Bildu tamén experimentaría un importante crecemento ata un máximo de cinco deputados, o que incluso lle permitiría obter grupo parlamentario.

Por contra, En Marea quedaría sen representación; Coalición Canaria podería perder o seu escano, xa que o CIS dálle entre cero e un, e Nova Canarias non obtería ningún. 

GALICIA. O PSdeG sería de feito a forza máis votada en Galicia, mentres que En Marea e BNG quedarían sen representación no Congreso dos Deputados tras as eleccións do próximo 28 de abril, nas que si irromperían Vox e Ciudadanos.

O PSdeG sería o partido que conseguiría unha maior representación, alcanzando entre 9-10 escanos, por diante do Partido Popular, que quedaría con 8-9 deputados galegos no Congreso.

Ademais, Unidas Podemos conseguiría dous deputados -un pola Coruña e outro por Pontevedra-.

Ciudadanos e Vox irromperían á súa vez cun escano na Coruña cada un.

Os datos galegos realizáronse cunha mostra de 1.100 entrevistas en Galicia, na que se reflicte que na Comunidade existe un 46,2 por cento de indecisos.

Comentarios