Prisión para o acusado de raptar e botar pegamento na vaxina á súa exparella

O xuíz de Ponferrada considera que existen motivos bastantes para crer "responsable criminalmente do delito" ao detido, que levaba unha pulseira telemática que non o disuadiu de perpetrar a agresión

O titular do xulgado de instrución número 5 de Ponferrada (León), Ignacio Candal, decretou este xoves o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o home de 35 anos que foi denunciado pola súa exparella por raptala e botarlle pegamento e líquidos abrasivos na vaxina. Aínda que o xulgado declarou o segredo das actuacións, sábese que está acusado os delitos de detención ilegal e quebrantamento de condena derivado da violencia sobre a muller.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León (TSJCyL) nas últimas horas o xulgado practicou unhas dilixencias de investigación solicitadas pola fiscalía, como a entrada e rexistro na casa e a adega do detido, e outras relacionadas co dispositivo de control telemático que tiña o home —en concreto, unha pulseira de localización— por uns episodios de violencia anteriores. A muller denunciou que foi secuestrada a noite do luns en Fabero e, posteriormente, agredida e vexada pola súa exparella —I.R.G.— en Bembimbre, localidade leonesa da que é veciño o acusado.


O home e
stá acusado os delitos de detención ilegal e quebrantamento de condena derivado da violencia sobre a muller


Finalmente, foi abandonada semiespida e coas mans atadas no barrio da estación da capital do Bierzo Alto e, tras recibir os primeiros auxilios, presentou a denuncia ante a Garda Civil sobre as catro da madrugada do martes. No auto de prisión, o xuíz sinala que existen "indicios racionais bastantes para presumir a participación do detido nos feitos investigados" e entende que a prisión é "unha medida estritamente necesaria e proporcionada aos fins que a xustifican".

Ademais, precisa que no estado actual da investigación é necesaria a práctica de dilixencias que o investigado, se se atopase en liberdade, podería ocultar, alterar ou destruír. Tamén destaca o xuíz que existen motivos bastantes para crer "responsable criminalmente do delito" ao detido.

Está previsto que I.R.G. sexa trasladado este xoves pola tarde ao centro penal leonés de Mansilla de las Mulas, onde permanecerá por tempo non superior a un mes á espera de que exista unha condena firme. 


A vítima solicitara o reingreso en prisión da súa exparella tras ser acosada durante o fin de semana


O pasado luns, a vítima solicitara o reingreso en prisión da súa exparella tras ser acosada durante o fin de semana, xa que o venres o xulgado deixárao en liberdade, aínda que coa obrigación de levar unha pulseira electrónica. O xulgado non decretou entón prisión para o acusado ao entender que era suficiente a medida de control do dispositivo telemático, que controla a aproximación á vítima.

A pulseira do home non avisou da proximidade porque a muller non levaba o dispositivo de control correspondente, segundo recoñeceu ela mesma, xa que saíra un momento a pasear ao can. 

A vítima, de 35 anos, reclamou este mércores protección ás portas dos xulgados de Ponferrada xa que di que sente ameazada de morte. "Pido que me protexan, a min e ao meu fillo. Se non, vaime matar", declarou aos xornalistas, ademais de afirmar ter "múltiples" lesións por todo o corpo e queimaduras producidas polo líquido corrosivo que lle asperxeron na vaxina.

Comentarios