PP, Cs e Foro aproban a comisión para investigar no Senado a tese de Pedro Sánchez

O PNV pregunta aos senadores populares se cumprirán os requisitos para ser tribunal dunha tese 

Pedro Sánchez. BALLESTEROS
photo_camera Pedro Sánchez. BALLESTEROS

O PP aprobou este mércores no Pleno do Senado a creación dunha comisión de investigación sobre a tese doutoral do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e obtivo o apoio dos catro senadores de Ciudadanos e da senadora de Foro, fronte ao voto en contra dos seus socios parlamentarios de UPN e PAR e do PSOE, Unidos Podemos, Grupo Nacionalista, PNV e o resto do grupo Mixto. ERC abstívose. 

Unha vez aprobada, o presidente do Senado, Pío García-Escudero, dará un prazo aos grupos para que designen os seus representantes e a comisión será despois constituída. O PP non aclarou que velocidade quere dar aos traballos, cando comezarán as comparecencias nin con quen, aínda que deu entender que as sesións non arrincarán probablemente ata o ano que vén.

O Partido Popular baralla chamar ao propio Sánchez, que estaría obrigado a acudir ou terá consecuencias penais.

Non pararemos ata que explique de verdade se escribiu ou non a súa tese, canto plaxiou ou por que fusilaba discursos

A portavoz adxunta do Grupo Popular Cristina Ayala explicou que hai que aclarar se Pedro Sánchez plaxiou a tese porque a ministra Carmen Montón dimitiu por un caso parecido e o propio presidente apoiaba antes de chegar á Moncloa a retirada de quen fixese algo así.  Dito isto, os populares aseguraron ante o Pleno que a comisión vai respectar a presunción de inocencia" de Pedro Sánchez e que o seu obxectivo é que se saiba "a verdade" e ver se o presidente sae da comisión "convertido no doutor Jekyll ou en míster Hyde". 

"¿ESTÁN VOSTEDES CAPACITADOS?" O seu obxectivo non encaixa nas funcións do Senado, respondeulle polo PSOE Mari Carmen Iglesias, para quen a comisión de investigación sitúase "no epicentro da frustración do PP por perder o poder". "Señorías do partido que contrataba a Villarejo, anímolles a facer unha oposición seria e leal", agregou. 

UNIDOS PODEMOS. Maribel Mora, portavoz de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, cualificou a iniciativa de cortina "de fume" do PP para tapar casos de corrupción que afectan a este partido e non falar dos másteres de Pablo Casado, presidente do PP, e de Cristina Cifuentes, expresidenta da Comunidade de Madrid. 

Outros senadores confesaron ante o Pleno que asistían "atónitos" ao debate. 

Comentarios