Podemos di por carta ás súas bases que non aceptará o "trágala" de Sánchez

Na carta, Podemos insta ao PSOE a regresar "á mesa de negociación canto antes" pero tamén lle pide que responda á súa militancia, "a mesma que lle dixo con Rivera non"
Pedro Sánchez. QUIQUE GARCÍA (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez. QUIQUE GARCÍA (EFE)

Podemos remitiu unha carta ás súas bases na que lles informa da proposta de investidura enviada aos socialistas e avísalles de que non aceptarán o "trágala" de Pedro Sánchez, é dicir, a posición de "ou como eu digo, ou eleccións" porque é "irresponsable e está chamada ao fracaso".

"O que nin nós nin ningunha outra formación política pode aceptar é un trágala" di Podemos na misiva na que subliña que o documento presentado esta semana aos socialistas é unha proposta "honesta" encamiñada a retomar a negociación co PSOE e concretar un acordo de Goberno para a España dos próximos catro anos.

Na carta, Podemos insta ao PSOE a regresar "á mesa de negociación canto antes" pero tamén lle pide que responda á súa militancia, "a mesma que lle dixo con Rivera non".

Por iso, empraza aos socialistas, e en concreto a Pedro Sánchez, a estar á altura do momento político no que nos atopamos".

No texto, enviado aos inscritos o pasado 21 de agosto, un día logo de habela remitido a Ferraz e a Vicepresidencia de Goberno, Podemos recorda que a última oferta está baseada no documento que o PSOE enviou o mes de xullo e responde as demandas dos movementos e colectivos da sociedade civil con quen se reuniron en varias ocasións.

Na carta, a formación morada debulla as principais propostas programática expostas ao PSOE así como as catro opcións para participar dun goberno de coalición e nas que insiste en asumir unha vicepresidencia de Dereitos Sociais e Igualdade e tres ministerios, distintos en función de cada opción.

Hoxe, nun tuit, a formación morada asegura que "aínda queda tempo para formar un goberno de coalición progresista" e "urxe a impulsar políticas que loiten contra a precariedade laboral, a brecha de xénero, os alugueres abusivos ou o cambio climático".

Peticións todas elas recollidas na proposta programática trasladada esta semana ao PSOE e que foi rexeitada por "inviable".

Comentarios