O delegado do Goberno en Madrid, imputado por permitir as manifestacións do 8-M

A xuíz citou a José Manuel Franco, natural da Pobra do Brollón, a declarar o 5 de xuño
José Manuel Franco. EP
photo_camera José Manuel Franco. ALCALÁ HOXE

A titular do Xulgado de Instrución número 51 de Madrid, Carmen Rodríguez-Medel, citou a declarar como imputado o próximo 5 de xuño ao delegado do Goberno na Comunidade de Madrid, o lucense José Manuel Franco (A Pobra do Brollón, 1957), por permitir concentracións multitudinarias os días previos á declaración do estado de alarma, entre elas a marcha do 8 de marzo polo día Internacional da Muller, desatendendo as advertencias de risco de contaxio por coronavirus, segundo informaron fontes xurídicas. 

Nunha providencia, a maxistrada cita para ese mesmo día como testemuñas ao secretario xeral da delegación, Fernando Talavera; ao xefe do gabinete do Delegado do Goberno, Luís María Sanz; e ao director da Unidade de Seguridade Cidadá, José Luís Correas Díaz. Todos as comparecencias serán telemáticas, a primeira ás 09.00 horas con Franco, imputado por prevaricación administrativa, aínda que a xuíza dá a opción de facelas de forma presencial, cos medios de protección necesarios.

Xunto ás citacións, a xuíza solicita unha serie de escritos e dilixencias á Delegación de Goberno, ao Ministerio de Sanidade e á Consellería rexional, para antes do próximo 1 de xuño. Así, pide á delegación que informe as resolucións de toma de coñecemento ou prohibicións de concentracións/manifestacións ditadas por Franco entre o 5 e 14 de marzo; e dos expedientes que estaban pendentes de resolver cando o Goberno declarou o estado de alarma. Todos con copia íntegra das actuacións.

Tamén solicita máis detalles das 21 manifestacións que foron desconvocadas "ben por propia iniciativa ou a requirimento da Delegación do Goberno" para coñecer datas e canle. E que faga o mesmo coa aplicación informática "Xestión de Concentracións e Manifestacións", na que se di que "todo queda rexistrado e arquivado con asentos electrónicos", para evidenciar que se deixou constancia desas 21 manifestacións.

Ao ministerio diríxese pola recomendación de medidas extraordinarias en relación co coronavirus do ministro Salvador Illa do pasado 3 de marzo. Quere saber a súa distribución ou difusión, se foi colgado na web oficial de Sanidade e saber se foi remitido (día e forma) á Delegación do Goberno e a outros ministerios.

O mesmo pide coñecer co comunicado da directora Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, Pilar Aparicio, de 6 de marzo sobre a celebración de reunións multitudinarias durante o período de epidemia de covid-19. E idéntica información sobre con calquera outro documento que, previo ao 14 de marzo, e facendo referencia a concentracións multitudinarias ou conveniencia de manter a distancia social sexa difundido polo ministerio.

Solicita, ademais, saber se consta a Sanidade que se celebrou con anterioridade ao 14 de marzo unha Comisión Interministerial de coordinación da Administración Periférica do Estado na que se tratase a crise sanitaria, mentres que á Consellería de Sanidade solicita que informe o día en que foron publicadas na web da Comunidade de Madrid as medidas que se relacionan coa crise sanitaria.

Estas citacións coinciden co cesamento do xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid, o coronel Diego Pérez de los Cobos, por orde do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que aludiu "perda de confianza", sen precisar máis motivos, segundo sinalaron a Efe fontes deste departamento. 

Comentarios