Persiste a protesta contra o bulevar en Gamonal

A concentración de veciños contra as obras da rúa Victoria de Burgos continúa hoxe, coa participación dun centenar de persoas, á vez que foi decretado o ingreso en prisión de catro dos detidos polos incidentes.

Desde primeira hora da mañá un centenar de persoas volvéronse a concentrar no tramo da rúa que o concello pretende converter en bulevar, protexidas do vento e a choiva por plásticos azuis, brancos e amarelos que sosteñen con parte dos valos da obra que tiraron nos primeiros días de incidentes.

A titular do Xulgado de Instrución número tres de Burgos decidiu o ingreso en prisión doutros catro detidos nos incidentes, neste caso os que participaron nos disturbios da noite do luns, que entraron xa no cárcere.

Estas catro persoas poden saír cunha fianza de 3.000 euros cada un, informaron a Efe fontes xudiciais. Outros dous quedaron en liberdade provisional e todos eles son de Burgos.

En total, producíronse ata agora 46 detidos, dos cales 11 son menores que pasaron a disposición da fiscalía; cinco permanecen en prisión, outro saíu baixo fianza de 3.000 euros e o resto están en liberdade provisional.

O anuncio de paralización das obras que realizou onte o alcalde para abrir un proceso de diálogo e revisar o proxecto non bastou aos veciños para desconvocar a protesta.

Os seus representantes insisten en que a protesta se manterá de forma indefinida e convocaron unha asemblea no mesmo lugar das obras para mediodía de hoxe, na que decidirán as próximas accións a adoptar.

A presenza policial esta mañá é máis discreta que en días anteriores e atópase localizada a uns cen metros a cada un dos extremos da zona das obras e ata agora os efectivos destacados na zona non realizaron intervención algunha.

Comentarios