Pedro Sánchez propón limitar a actividade privada remunerada de deputados e senadores

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, propuxo hoxe prohibir aos deputados e senadores que desenvolvan actividades privadas non relacionadas coas súas funcións políticas e que, no caso das que si teñen relación, como a participación en faladoiros, non reciban ningunha remuneración.

Cando aínda non cumpriu os cen días no cargo, Sánchez acudiu a un almorzo informativo en Madrid enarborando a bandeira da "exemplaridade" na política e da loita contra o "terrorismo machista".

As súas propostas estrela: unha iniciativa parlamentaria para que todos os deputados e senadores se adiquen con ''exclusividade" ás súas tarefas de representación e o compromiso de facer funerais de Estado ás mulleres que morran a mans das súas parellas.

Respecto da ampliación do réxime de incompatibilidades dos parlamentarios, dixo que, aínda que a súa iniciativa non resulte aprobada, el levaraa a cabo nas filas socialistas.

Tamén proporá no Congreso que os altos cargos e parlamentarios obteñan ao principio e ao final do seu mandato un certificado dixital expedido pola Hacienda Pública no que conste que están á corrente das súas obrigacións fiscais e que especifique o seu patrimonio. "España necesita políticos de primeira, non dirixentes que cobren en B", proclamou o líder do PSOE, que asegurou que no equipo que aspira a forxar "as portas xiratorias pecharanse".

Sobre a posibilidade de chegar a un acordo co PP en materia de rexeneración democrática, Sánchez sinalou que, se o grupo popular acepta a súa oferta de elixir por consenso ao próximo director xeral de RTVE, entenderá que a súa "disposición para o acordo é verdadeira". Tamén apuntou que lle soa ben" a idea do exministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón de reducir de máis de 7.000 a 22 o número de aforados.

Aínda que defendeu que os expresidentes deben ter un "espazo de recoñecemento" tras o seu paso pola política, como Ruiz-Galalrdón e Joaquín Leguina no Consello Consultivo da Comunidade de Madrid, insistiu en que quedou "desagradablemente sorprendido" ao coñecer que os membros dese órgano cobran 8.500 euros ao mes e avogou por revisar "iso".

Comentarios