Pedro J. Ramírez pide a súa volta a 'El Mundo' vía xudicial

O exdirector do diario El Mundo, Pedro J. Ramírez, que segundo sinalou a semana pasada foi "expulsado" do xornal, anunciou hoxe que solicitou nos xulgados medidas cautelares urxentes para poder seguir escribindo nese rotativo ou para poder facelo noutro medio de comunicación. A través da súa conta de Twitter, Ramírez sinalou que "por primeira vez en democracia un xuíz deberá resolver con urxencia se un xornalista pode ter prohibido o exercicio da súa profesión".

Esta solicitude prodúcese despois de que Ramírez, que desde que foi destituído como director de El Mundo o pasado febreiro escribía no diario un artigo todos os domingos ata o pasado día 2, asegurase a semana pasada que Unidade Editorial o despediu.

Segundo explicou durante a presentación dun libro, tras "censurar" o seu artigo do domingo 9 de novembro, comunicáronlle que "non ían publicar nin un máis", ademais de advertilo de que non pode escribir en ningún outro sitio nin fundar unha cabeceira propia ata que transcorran dous anos da súa destitución.

"Acabamos de solicitar nos xulgados medidas cautelares urxentes para que #unadedos: poida escribir no Mundo ou poida facelo noutro medio" (sic), escribiu ao mediodía na súa conta de Twitter, onde asegurou que "é unha iniciativa difícil e valente" pero decidiu "plantar cara a Goliat".

O Consello de Administración de Unidade Editorial, propiedade do grupo de comunicación italiano Rizzoli Corriere della Sera Mediagroup (RCS), destituíu a Pedro J. Ramírez como director do diario o pasado febreiro e colocou á fronte do rotativo ao ata entón subdirector, Casimiro García-Abadillo.

Comentarios