Pedraz envía a unha rede da UE o caso Couso para xulgar aos militares

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz puxo a investigación sobre a morte do cámara José Couso en Iraq en coñecemento de Genocide Network, unha rede de cooperación europea sobre xenocidio e crimes de guerra e contra a humanidade, para que os militares comparezan ante a xustiza.

Nun auto, o maxistrado adopta esta decisión ante a imposibilidade de facerlles comparecer ante a xustiza española, "nin aínda sequera solicitando a oportuna asistencia xudicial ás autoridades norteamericanas, dada a negativa das mesmas".

Pedraz recorda que os tres militares procesados están acusados dunha grave violación do dereito internacional humanitario, ao tratarse dun ataque indiscriminado á poboación civil, en concreto xornalistas, en concurso con homicidio.

Engade que son delitos que de acordo á Convención de Xenebra poderíanse perseguir pero durante estes anos "nin sequera se puideron inserir as ordes internacionais de busca e captura en Interpol porque esta negouse ao considerar, a instancia de Estados Unidos, o delito como un asunto militar".

Agora, á luz do Estatuto de Roma que contempla a cooperación internacional para loitar contra a impunidade, Pedraz remite a causa a Genocide Network, no seo de Eurojust, por ser unha organización fundada polo Consello de Europa para fomentar a cooperación entre as autoridades nacionais na investigación deste tipo de delitos.

Nesta causa, seguida pola morte do cámara de Telecinco o 7 de abril de 2003 cando cubría a guerra de Iraq, están procesados tres militares do Exército de Estados Unidos.

Comentarios