O padre Ángel a Iglesias: "Persoas coma ti axudades a conseguir que un mundo mellor sexa posible"

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera O padre Ángel, fundador de Mensajeros de la Paz. ARQUIVO

O padre Ángel, fundador de Mensajeros de la Paz, agradece nunha carta enviada ao vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, o seu traballo e esforzo, como coordinador dos servizos sociais de todo o estado durante a crise do coronavirus, porque "axuda a conseguir que un mundo mellor sexa posible".

"Déixame dicirche ¡que Deus te bendiga! e pedirche tamén que ti me bendigas a min", asegura o relixioso a Iglesias, vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Na misiva, o padre Ángel expresa o seu agradecemento a Deus por atopar un "pobo tan solidario, uns profesionais tan entregados en axudar aos demais desinteresadamente como os sanitarios, os transportistas, corpos de seguridade... e tamén por ter a persoas coma ti, que co teu traballo e esforzo, e o do teu equipo, axudades a conseguir que un mundo mellor sexa posible".

"Estou convencido que se agora estamos a empezar a ver a luz, tras este terremoto que sufrimos, é grazas a que traballamos todos xuntos por un obxectivo común", engade o responsable de Mensajeros de la Paz.

O padre Ángel relata que reza ante "moitas frontes abertas en residencias, en casas de mulleres maltratadas, en fogares de nenos de Mensajeros, repartindo alimentos a familias con fillos sen recursos, arroupando as persoas sen fogar e por todos os fogares abertos xunto ao Samur Social", entre outras situacións, e conclúe cunha oración "por todos os que traballades e polos moitos que se foron".

Comentarios