Oscos, un oasis no deserto

Oscos, cando a unión move montañas

É unha comarca singular polas súas paisaxes, as súas casas de pedra, os seus ríos e o seu intenso verde, pero o é tamén polo colaboracionismo das súas xentes, o que facilitou un modelo de xestión moi distinto ao dos seus próximos veciños galegos
Un vecino adecentando un cartel
photo_camera Un vecino adecentando un cartel

OS REIS de España realizan este sábado unha visita histórica á veciña comarca asturiana de Oscos para entregar aos veciños dos tres concellos que a conforman –Santa Eulalia, Villanueva e San Martín– o galardón de Pobo Exemplar de Asturias 2016, que lles foi concedido pola Fundación Princesa de Asturias. 

Pero este recoñecemento vai moito máis alá da simple promoción dos atractivos paisaxísticos, patrimoniais ou etnográficos que ofrece esta comarca, senón que se trata dun premio ao labor de todos os veciños que, ademais de saber protexer e conservar o legado dos seus antepasados –moitos deles emigrantes–, constitúen un exemplo a destacar en valores como o colaboracionismo ou a axuda mútua, o que acabou por impor un sistema de xestión do rural moi distinto ao que se estila nos fronteirizos municipios lucenses. 

Esa forma de ser da veciñanza permitiu á comarca romper co secular illamento ao que a castigou a súa difícil orografía para acabar transformando ese mesma paisaxe no seu mellor potencial de futuro. 

Entre os 471 veciños de Santa Eulalia, os 422 de San Martín e os 310 de Villanueva, a comarca de Oscos apenas suma 1.200 habitantes e aínda así, é capaz de que cada un destes municipios siga mantendo activos os seus centros de saúde, as aulas do seu colexio ou a atención aos seus anciáns. 

Marcos Niño: "Son os propios veciños os que traballan nos arranxos de parques ou na limpeza dás rúas"

COLABORACIÓN. "A colaboración estreita entre os gobernos municipais faise absolutamente necesaria para poder manter servizos", afirma o alcalde de Santa Eulalia de Oscos, Marcos Niño, quen se mostra convencido de que esta fórmula de colaboración institucional é a única válida para aproveitar sinerxías e que os veciños non perdan dereitos. 

Nesta liña exprésase tamén o alcalde de San Martín de Oscos, Javier Martínez, que cre que o premio concedido á comarca pola Fundación Princesa de Asturias é un recoñecemento a esas "iniciativas veciñais compartidas". 

Precisamente, esa especial personalidade da veciñanza de Oscos e o seu carácter colaborativo púxose aínda máis de relevo estes días, nos que todos os veciños participan en engalanar os seus pobos de cara á visita deste sábado. 

Marcos Niño destaca que concellos tan pequenos só poden dispor dun empregado municipal e ante esta situación "son os propios veciños os que traballan no arranxo dos parques, dos xardíns, na limpeza das rúas...", pero aclara que este feito non é puntual, "senón que se produce ao longo de todo o ano, sempre que é necesario". 

O cronista oficial de Oscos e principal impulsor da candidatura desta comarca para o premio Pobo Exemplar de Asturias 2016, José Antonio Álvarez Castrillón, cre que este tipo de personalidade dos habitantes de Oscos é común a todo a área montañosa que ocupa o oriente lucense e o occidente asturiano, "o asociacionismo en Oscos non é novo nin diferente ao dos municipios lucenses coa que é limítrofe, senón que é algo inherente ao rural, sobre todo, nun territorio no que o illamento e a falta de recursos impulsou unha personalidade solidaria, que se reflectía en manifestacións nas que o traballo en común se cara a necesario, como eran as matanzas, as mallas ou as rapas, entre outras, e que acaban en auténticas festas veciñais". 

Estas iniciativas, que no seu maior parte nacen de forma espontánea entre a veciñanza, tiveron en Oscos unha particular continuidade, que facilitou o asentamento de iniciativas que se revelan como excelente fórmula para loitar contra a crise do rural. 

"A fusión de concellos significaría perder axudas e camiñar cara á desaparición, polo que é necesario continuar avanzando na idea dos servizos compartidos", José Antonio González

COLEXIO AGRUPADO. Entre elas destaca o Colexio Rural Agrupado (CRA) Oscos, con aulas abertas nos tres municipios, pero cunha dirección, un profesorado e, incluso, unha asociación de pais en común. Os tres concellos tamén comparten unha traballadora social e unha animadora sociocultural, o que permite reducir custos sen renunciar a estes servizos. 

As gardas médicas compartidas son outro dos servizos que se rotan entre os tres concellos que conforman a comarca de Oscos, o que permite que todos eles sigan mantendo abertos os seus centros de saúde, ao contrario do que sucede en poboacións lucenses como Negueira de Muñiz (214 habitantes) ou Ribeira de Piquín (580), na que os recortes nesta área obrigan a que se un veciño destes municipios necesita unha atención de urxencia deba acudir, invariablemente, á PAC da Fonsagrada ou Meira, respectivamente. 

Continuar avanzando nesta liña de colaboración "estreita" é o obxectivo común que se marcan os tres alcaldes da comarca de Oscos. "A fusión de concellos significaría perder axudas e camiñar cara á desaparición, polo que é necesario continuar avanzando na idea dos servizos compartidos para poder reducir custos e facelos sostibles", sinala o alcalde de Villanueva de Oscos, José Antonio González. 

Os tres gobernos locais esperan continuar avanzando neste terreo e proxectan, entre outras iniciativas, un parque de maquinaria municipal compartida ou incluso o lanzamento dun selo de calidade propio que sirva para promocionar os produtos –mel, cogomelos, castañas e carne de porcino e, sobre todo, vacún– que se producen na zona. 

Buscar alternativas económicas que fagan viable a fixación de poboación nunha zona tan castigada pola crise demográfica como é o occidente asturiano, é a finalidade coa que traballa a asociación de turismo, tamén compartida polos tres municipios de Oscos, e que preside Francisco López Enríquez. 

Francisco López Enríquez, Asociación de turismo: "Se hai mozos que decidimos quedar na zona é porque vemos que existen posibilidades de futuro"

O presidente do colectivo, que proximamente pretende iniciar unha campaña para que se poidan integrar no mesmo outros sectores empresariais, defende que, "aínda que quizais sexamos uns insconscientes", se decidiron quedar na zona é "porque vemos que hai posibilidades". 

Cun total de 430 prazas hostaleiras dispoñibles na comarca, o turismo rural converteuse nun dos principais motores económicos da zona. "Segue sendo unha actividade complementaria", recoñece Francisco López, "pero é un potencial que temos grazas a esas persoas que fai case 30 anos arriscaron en aproveitar as axudas europeas para investir na rehabilitación das casas e no coidado do territorio". 

Este número de prazas hostaleiras sorprende con relación ao que ofrecen outros municipios lucenses próximos, como A Fonsagrada, que a pesar de ter unha poboación netamente superior, 3.838 habitantes, o número de prazas hostaleiras nin se aproxima e iso, a pesar, de ser unha das etapas do cada vez máis transitado Camiño Primitivo. 

Para Jorge Rico, propietario do Ventorrillo na Fonsagrada, o turismo rural en Galicia tarda en arrincar "pola pouca coordinación existente entre as diferentes administracións", o que segundo el fai que o empresario teña que camiñar practicamente só. "Hai problemas para sinalizar os establecementos e as propias rutas. Nos municipios asturianos veciños isto non é así e o turismo coidase máis". 

Este empresario fonsagradino recoñece, non en balde, que o premio que recibe Oscos, "tamén nos beneficia a nós, porque estamos cerca e o turista que para aquí non ten problema en desprazarse, incluso, ata As Catedrais ou Ribadeo". 

O presidente da asociación de turismo de Oscos recoñece o bo traballo realizado no Principado en materia de mantemento de territorio e o respaldo que, sobre todo desde os concellos da comarca, deuse sempre ás diferentes iniciativas privadas, aínda que a nivel autonómico bota de menos "unha maior promoción da comarca fóra das nosas fronteiras". 

Comentarios