O PP confirma que emendará os Orzamentos porque o PNV "rompeu a confianza"

Os peneuvistas responden que sería un "castigo á sociedade vasca"

Rafael Hernando. JJ GUILLÉN
photo_camera Rafael Hernando. JJ GUILLÉN

O Partido Popular incluirá no Senado emendas aos orzamentos sobre cuestións que antes non podía abordar polo seu pacto co PNV, pero que unha vez roto por parte dos nacionalistas vascos, vai defender na Cámara Alta.

Así o confirmou o portavoz do PP no Congreso, Rafael Hernando, quen asegurou non obstante que os populares non cambiarán coas súas emendas a principal medida que logrou incluír o PNV nos orzamentos, a subida xeneralizada das pensións.

En declaracións en Telecinco, Hernando recordou que o PP xa non ten "vinculación co PNV" porque ese partido "rompeu a confianza entre as distintas formacións" que apoiaron os orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy no Congreso.

Agora, engadiu, os populares teñen "mans libres" para "mellorar" as contas do Estado e para incluír algunhas emendas que se deixaron "na carteira" porque sabían que co PNV non poderían saír adiante. En calquera caso, o portavoz do PP sinalou que o seu partido non vai cambiar a subida das pensións.

Pola súa banda, o portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, dixo que as posibles emendas que o PP presente no Senado ao seu propio Orzamento para 2018 "castigarían á sociedade vasca, non ao PNV", partido que apoiou a aprobación desas contas e a moción de censura que desaloxou ao PP do Goberno.

As emendas "igual satisfán o cabreo e o calentón dalgúns", tras o voto afirmativo do PNV á moción de censura socialista, pero despois o PP vasco "terá que explicar en Euskadi" a retirada dos investimentos previstos para o País Vasco nos orzamentos estatais.
 

Comentarios