Morren tres mozos por unha suposta inhalación de monóxido de carbono en Móstoles

A intoxicación podería ter a súa orixe na mala combustión dunha caldeira ou un lume aceso

Tres persoas de entre 20 e 30 anos faleceron este domingo nunha vivenda do municipio madrileño de Móstoles por posible inhalación de monóxido de carbono.

Segundo informou a Efe un portavoz de Urxencias Comunidade de Madrid 112, o suceso ocorreu sobre as 19.00 horas no primeiro piso do inmoble situado no número 14 da rúa Oviedo e que, ao parecer, podería estar ocupado polos tres falecidos.

Os sanitarios do Servizo de Urxencia Médica de Madrid (SUMMA) que se trasladaron ao lugar só puideron certificar a morte dos mozos, dous homes e unha muller, que se atopaban no salón da vivenda.

Tamén acudiron ao piso varias dotacións de bombeiros do Concello de Móstoles que detectaron unha concentración de monóxido de carbono de 28 partes por millón, moi elevada tendo en conta que a partir de 10 partes por millón a acumulación pode ser tóxica dependendo do tempo de exposición.

O corpo de Bombeiros e a Policía fixéronse cargo da investigación do suceso, que podería ter a súa orixe na mala combustión dunha caldeira ou un lume aceso.

Segundo datos de Axénciaa Efe, un total de 23 persoas morreron o ano pasado en España por inhalar monóxido de carbono, un gas incoloro, inodoro e insípido que non irrita (non fai toser) e que reduce a cantidade de osíxeno que chega ao cerebro, corazón e resto do corpo.

Comentarios