Marrocos pecha os accesos fronteirizos e interrompe o éxodo migratorio

Os emigrantes están a emprender o camiño de retorno cara ao sur
La Guardia Civil asiste a un cayuco con menores. BRAIS LORENZO
photo_camera Efectivos do Exército de Terra traballan este martes no dispositivo especial posto en marcha pola entrada de inmigrantes polos espigóns fronteirizos en Ceuta. EFE

A policía marroquí selou este mércores o paso fronteirizo de Tarajal e interrompeu o éxodo migratorio que nos pasados dous días permitiu a entrada en Ceuta de 8.000 emigrantes indocumentados, segundo puido comprobar Efe na fronteira e mentres o Goberno garda silencio.

Os centenares de persoas que durante todo este martes estiveron concentradas fronte ao Tarajal, aproveitando calquera distracción policial ou calquera oportunidade para pasar a fronteira, este mércores están a emprender o camiño inverso, cara ao sur, tras convencerse de que os accesos están pechados. 

Segundo puido comprobar Efe no último espigón que separa Ceuta e Castillejos —polo que entraron miles de persoas os pasados días— está baleiro, mentres van volvendo migrantes desde Ceuta. As forzas antidisturbios marroquís non permitiron a ninguén que se achegue ao espigón a pesar dos intentos ocasionais de grupos de persoas de avanzar.

Segundo testemuños recollidos de quen quería cruzar a fronteira e pasou a noite no lugar, as autoridades marroquís non lles permitiron tampouco subir ao outeiro para intentar entrar pola parte máis próxima ao barrio do Príncipe.

Ata agora, Marrocos aceptou a devolución de 4.800 persoas, aproximadamente a metade das que entraron entre o domingo e o martes. Deles, hai uns 1.500 menores non acompañados acollidos provisionalmente en Ceuta

O Goberno español cre que a crise vai remitindo tras o "asalto"
O Executivo español considera que a chegada masiva de migrantes marroquís a Ceuta foi un "asalto" a unha fronteira europea e non unha crise migratoria, aínda que cre que todo vai "volvendo ao seu sitio" e que Marrocos está "a suavizar a situación", segundo explican distintas fontes gobernamentais. 

No entanto, Moncloa admite que aínda queda por resolver a crise diplomática que se abriu co país veciño, que espera que se poida solucionar pronto, empezando polo regreso da embaixadora marroquí en Madrid. Fontes do Goberno subliñan que Marrocos se considera un país "amigo" e están convencidas de que debe seguir séndoo. 

Explican, ademais, que notan que Marrocos está "a suavizar" a súa postura, como demostra o comportamento que está a ter agora a policía marroquí, distinto ao que se puido comprobar entre o domingo e o martes, cando suspendeu o control fronteirizo. Agora xa hai un despregamento notable nos puntos de acceso a Ceuta e está impedindo a chegada á fronteira. 

Así as cousas, o Executivo entende que a tensión xa vai decaendo, e constata que a noite foi "tranquila". Iso si, aínda non dan por pechada a crise diplomática. Polo menos quedan "48 horas de observación", sinalan fontes gobernamentais.

Comentarios