Carmena recibirá a alta hospitalaria ao longo do día

A alcaldesa de Madrid sufriu unha caída na súa casa

Carmena. ZIPI
photo_camera Carmena. ZIPI

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, segue ingresada no hospital da Princesa en observación tras sufrir este luns unha caída na súa casa, xa que os médicos daranlle a alta "ao longo do día", unha vez que transcorran 24 horas do traumatismo.

A rexedora, de 74 anos, atópase "ben" e pasou tranquila a noite, pero terá que quedar unhas horas máis no centro hospitalario, segundo consta no parte médico.

O director médico do hospital, Eduardo García Navarrete, leu este martes aos xornalistas o parte que precisa que Carmena segue en observación "cunha evolución satisfactoria" e que se lle practicaron os estudos complementarios oportunos, que "non mostraron alteracións postraumáticas".

"No entanto, e por precaución, como se procede habitualmente nestes casos, aconsellouse a permanencia da paciente en Observación durante 24 horas", engadiu o doutor.

Dado que "non hai lesións neurológicas e cognitivamente está ben", a alcaldesa pode volver traballar "en calquera momento". "Sempre estivo consciente, orientada, cunha exploración neurológica boa e pasou a noite ben. Esta mañá estaba con bo ánimo", dixo aos xornalistas o doutor.

A caída da alcaldesa obrigou a pospor o Pleno do debate do estado da cidade que ía celebrarse hoxe e que, polo momento, non se convocou para outra data.

A primeira tenente de alcalde, Marta Higueras, amiga persoal de Manuela Carmena, informou onte á noite de que a alcaldesa se atopaba traballando no seu domicilio e, ao levantarse, tropezouse cos cables do computador, caeu e fíxose unha brecha na cella.

Este martes, xunto ao doutor ás portas do hospital, Higueras asegurou que estivo "traballando" esta mañá con Carmena, que "quere saír canto antes" e que está "preocupada" por convocar canto antes o Pleno do debate do estado da cidade, "moi importante" para Madrid.

En outubro de 2016, tamén tivo que ser ingresada tras sufrir un episodio de "visión borrosa" nun Pleno municipal, e en xuño dese mesmo ano pasou unha noite no hospital Ramón e Cajal por gastroenterite e hipotensión que sufriu tras volver dunha viaxe oficial a Bolivia.

A semana pasada Manuela Carmena anunciou a súa intención de volver concorrer aos comicios do próximo ano para aspirar a finalizar o seu proxecto para a capital.