Os lucenses tamén votan en Euskadi este domingo

Uns marcharon hai moitos anos e outros xa naceron aló. Chámanlles galegos en Euskadi e vascos en Galicia. Este domingo teñen unha cita coas urnas e moito que dicir.
G
photo_camera Valla con propaganda electoral de varios partidos. EFE

O País Vasco foi destino de moitos lucenses que emigraron nos anos 60 e 70. Algúns seguen aló e outros deixaron fillos e netos que levan con honra a dobre nacionalidade, vasca por nacemento e galega por devoción.

Este domingo teñen unha cita coas urnas para elixir un novo goberno autonómico. Os galegos teñen voz e voto neste proceso e disposición para expresar a súa vontade de forma alta e clara.

Xosé Estévez marcha hoxe para ir votar

Xosé Estévez

Vive en Oiartzun e pasou as últimas semanas en Quiroga, a súa terra natal. Desde que está xubilado, Xosé Estévez pódese permitir o luxo de prolongar as estancias onde máis lle preste e desde a Semana Santa non tivo présa por marchar. Vaise precisamente hoxe para ir votar.

Estévez asentouse no País Vasco en 1973, "por amor", seguindo os pasos da súa muller, Maribel Goñi. É historiador e exerceu como profesor na Universidade de Deusto. Gústalle a política e segue con atención tanto a xestión de goberno como cada campaña electoral. "Esta foi moi pacífica, sen grandes conflitos nin ostentacións, non tan polarizada como a española", apunta.

Explica que os partidos deixaron de lado temas controvertidos, "como pode ser a cuestión nacional", e centráronse no debate social ou económico, en temas de común interese como pode ser o sanitario. "Bildu evita falar de independencia, de soberanía, unha estratexia intelixente para captar un voto que non tiña, máis preocupado pola cuestión económica e social que pola nacionalista", comenta.

Os partidos evitaron na campaña temas controvertidos, como a cuestión nacional

A campaña podería considerarse monótona ata que hai uns días o candidato de Bildu, Pello Otxandiano, se negou a calificar a Eta de banda terrorista. Xosé Estévez pensa que foi "unha metedura de pata porque iso e o ataque cun spray de pementa que sufriu o candidato Imanol Pradales pode beneficiar ao PNV, que aglutina un voto que busca estabilidade", apunta.

Do PNV di que "ten unha longa traxectoria de xestión e unha eficacia demostrada. Funciona máis ben que mal e iso é o que lle está valorando o seu electorado". Se algo lle pode pasar factura é o declive do sistema sanitario. "Xa se vía vir, pero coa pandemia empeorou. Aínda que temos o mellor sistema sanitario do Estado español, empeorou nalgúns aspectos e non o souberon xestionar, cunha conselleira altaneira, unha actitude que aos vascos non lles vai", razona Estévez. 

Con respecto á comunidade galega, explica que "o PNV seguiu unha política intelixente de integración de inmigrantes e traballou moito cos centros galegos, para gañar a confianza da xente".

Aínda que Bildu suba non gobernará porque non vexo a Sánchez obrigando o PSE-EE a pactar

Este quirogués leva máis anos emigrado que na terra natal e ten moi ben estudado o perfil dos galegos que votarán mañá. "Na vella xeración, os que nos fomos de Galicia hai moitos anos, hai diversidade de voto. A maioría só buscaba un mellor modo de vida, sen moita conciencia política. E logo estamos os que temos máis interese pola política, unha minoría, que nos inclinamos cara a pensamentos nacionalistas". 

Sobre as novas xeracións, afirma que "os descendentes de galegos que xa naceron fóra criáronse na sociedade vasca, están totalmente integrados e hai moita diversidade de pensamento, aínda que na xuventude hai maior tendencia cara o nacionalismo e a esquerda".

Estévez augura unha noite electoral interesante, sen claros vencedores e cun resultado continuísta, pois "aínda que Bildu suba e mesmo supere ao PNV, non pode gobernar en solitario e eu non vexo a Pedro Sánchez forzando o PSE-EE a pactar con Bildu».

Anxo Deive di que o Athletic eclipsou a campaña

Anxo Deive

Da mesma idea é Anxo Deive, con raíces en Guitiriz e asentado en Barakaldo. "Sería simbólico e chamativo que Bildu adiantase ao PNV en votos ou escanos, pero na práctica non se vai notar porque PSE-EE e PNV van seguir gobernando xuntos. Levan moitos anos facéndoo, para eles non é nada novo e non lles vai resultar difícil formar Goberno. Eu penso que aínda que non lles deran as contas botarían man do PP. Non sería a primeira vez, xa o fixeron nas xuntas xerais", comenta.

Deive foi profesor nunha ikastola ata hai dous anos e agora está xubilado. Di que a política xa lle interesou máis do que lle interesa porque "vou cansado diso e creo que é unha sensación xeralizada na xente". De feito, percibe cambios no estilo de campaña que poden ter que ver con esta desidia. "Só houbo actos pequenos, eventos dirixidos aos medios de comunicación, non grandes mitins nin concentracións de xente. Os partidos saben que a xente nova non vai a un mitin, hai que chegar a ela doutro xeito", comenta.

O Athletic na Copa do Rei e a morte de Ardanza desviaron o interese da campaña

Nesta liña, apunta como curiosidade que o ritmo da campaña electoral se viu interrompido pola vitoria do Athletic na Copa do Rei de fútbol e pola morte do exlendakari José Antonio Ardanza, «dous acontecementos que acapararon a atención informativa durante uns días e as conversas da xente na rúa".

Anxo Deive pensa que a clave destas eleccións pode estar na xuventude. "Non sei se os rapaces se movilizarán. Tal vez a favor de Bildu. Está no aire o que farán os votantes de Podemos, que se desinflou", apunta. Quen cre que se manterá sen grandes cambios é o PNV. "Ten un electorado fiel que se transmite de xeración en xeración. Aínda que nas xerais quedara alguén na casa, agora se ven que fai falta vanse mover".

Milo Mosteiro cre que o reconto estará reñido

Milo Mosteiro

Outro que estará pendente do reconto de papeletas é Milo Mosteiro, con raíces en Melide e asentado en Santurtzi. É o presidente da irmandade de centros galegos en Euskadi. Cre que a noite electoral estará "interesantísima" porque a ninguén lle van sobrar votos.

"Esta semana recibimos na Casa de Galicia de Santurtzi a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que nunca aquí estivera. Nin ao magosto veu e iso que o convidamos, pero aparece agora en plena campaña electoral. Somos unha entidade cultural, non política, pero os partidos intentan sacar réditos de calquera lado", comenta.

Esta semana visitounos o presidente da Xunta, que non viñera nin cando o invitamos

Aínda así, cre que o ambiente electoral está "máis tranquilo que outras veces. Esta semana introduciron o tema da violencia ao pedirlle a Bildu que calificara a Eta de banda terrorista e co ataque co spray de pementa a Pradales. Eu non sei quen ideou iso, pero pódelle vir ben ao PNV", comenta.

O que ve claro é que "o tema da sanidade preocupa, a perda de calidade no servizo e as listas de espera son evidentes e iso pode custarlle votos ao PNV".

Mikel Bran augura continuidade

Mikel Bran

Fillo de emigrantes de Palas de Rei, Mikel Bran vive en Muskiz e rexenta unha carnicería. Cada día escoita as preocupacións dos clientes e sabe como respira a sociedade vasca. "La gente está cansada de la política, hay quien no sabe ni que hay elecciones el domingo", apunta.

Non é este o seu caso. Confesa que lle gusta a política e que a segue con atención. "Yo creo que cambio no va a haber. Bildu subirá en votos y por lo menos dos escaños, pero PNV y PSE-EE van a sumar", augura. Tamén vaticina que Vox e Podemos non terán representación parlamentaria. "El PNV se ha acomodado, no se mueve ni en la campaña electoral. Yo creo que los votos que perderán Podemos, PNV y PSE-EE irán a Bildu porque la gente tiene la impresión de que son los que menos roban", comenta. 

La gente está cansada de la política. Hay quien no sabe ni que hay elecciones el domingo

Mikel Bran apunta que "la juventud no ha vivido los tiempos de Eta, no mira atrás ni tiene por qué. Además, si miras las listas de Bildu, incluso para los ayuntamientos, ves gente preparada, con carrera, no están ahí por ser el hijo de alguien y eso también se valora", afirma.

José Antonio Ulloa cre que o descontento pasará factura

José Antonio Ulloa

Sensación semellante ten José Antonio Ulloa, un emigrante de Vilar de Barrio asentado en Sestao. "Va a haber cambio, pero a Bildu no le dejarán gobernar", opina.

Cre que a xente perdeu o interese pola política, "son pasotas, les da lo mismo", pero tamén percibe descontento social. "No hay gente en la calle, los precios son desorbitados. La vida sube y los sueldos bajan. Los comercios cierran porque la gente no puede consumir y el Gobierno por los pequeños empresarios no hace nada", apunta.

La sensación general es de que todo es mejorable, pero que nadie lo va a hacer

José Antonio Ulloa completa a súa radiografía social cun apunte sobre o sistema sanitario. "Cada día tardan más las citas en el médico y cuando vas a la consulta no hay nadie. No reciben, es todo por teléfono". Considera que o descontento social vai influír á hora de elixir papeleta, aínda que por outro lado constata "la sensación de que todo es mejorable pero nadie lo va a hacer".

A véspera dunhas eleccións é posiblemente o día máis intrigante do proceso. Todo está no aire e ata a apertura do último sobre haberá suspense. Euskadi acolleu ben os galegos que aló foron e mañá eles axudarán a decidir o futuro desa terra.

Comentarios