O libro de Pedro Sánchez e Carlos Ocaña copia parágrafos dunha conferencia

Moncloa fala de erro "involuntario" á hora de citar

Pedro Sánchez. EFE
photo_camera Pedro Sánchez. EFE

O libro que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o economista Carlos Ocaña publicaron en 2013 contén parágrafos sen entrecomillar nin citar de cinco das sete páxinas dunha conferencia do diplomático español Manuel Cacho, segundo adiantou El País. 

Segundo sinala Moncloa a este diario, trataríase dun "erro involuntario" á hora de citar aos autores de documentos "que son de uso público" e cuxo emprego, indican, "está permitido" no caso de iniciativas "e documentos de carácter parlamentario". 

"Trátase de documentos que non xeran dereitos de autor por non ter a consideración de obras, xa que son de uso público ao formar parte do debate político, o cal debe ser difundido a todos os cidadáns", asegura Moncloa. En calquera caso, estas fontes indican que "nas seguintes edicións da obra incluirase correctamente a cita". 

Sempre segundo o diario, o libro La nueva diplomacia de la economía española cita sen referir 454 palabras do discurso pronunciado por Cacho nun simposio da Universidade Camilo José Cela o 25 de febreiro de 2013, meses antes da publicación do libro.

El País asegura que o libro de Sánchez e Ocaña tamén copia outros textos sen incluílos na bibliografía final. En concreto, cita cinco: un discurso no pleno do Congreso do entón ministro Miguel Sebastián; unha resposta parlamentaria; un informe do Ministerio de Economía; un teletipo de axencia dun acto oficial e un comunicado de prensa do Consello de Ministros. 

O libro recolle ademais a tese doutoral do presidente e engade novas achegas. é aí, segundo El País, onde se atopan polo menos 18 páxinas con pasaxes de fontes alleas sen citar nin referenciar. Varios fragmentos de oito parágrafos da conferencia do embaixador coinciden co texto do libro. Hai incluso unha errata -"ente" en lugar de entre- no discurso que se repite tal cal no libro de Sánchez. 

Comentarios