Leiceaga pide apoiar a un PSOE "confiable" fronte a un PP "gangrenado"

O candidato socialista á presidencia da Xunta confía en que Iglesias rectificará tras o 26-J e apoiará a investidura de Sánchez
Reparto electoral de Xoaquin Fenández Leiceaga y Guillermo Meijón en el mercado
photo_camera Reparto electoral de Xoaquin Fenández Leiceaga y Guillermo Meijón en el mercado

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediu "aos demócratas" apoiar "ao partido máis confiable" que, ao seu xuízo, representa o PSOE liderado por Pedro Sánchez fronte a un Partido Popular que considera "gangrenado". Así se pronunciou durante unha visita electoral ao Mercado de Pontevedra, onde arroupou ao candidato socialista ao Congreso pola provincia, Guillermo Meijón.

Neste escenario e en referencia ás conversacións do ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, co director da Oficina Antifraude de Cataluña (OAC), Daniel Alfonso, sobre posibles investigacións a líderes independentistas, Leiceaga asegurou que o PP está "cercado por casos de corrupción" e que ten "un gravísimo problema que non é capaz de resolver".  Así mesmo, asegurou que Fernández Díaz actuou "vulnerando o estado de dereito". "Parece non crer na separación de poder", lamentou. 

Asegura que Rajoy non terá "ningunha posibilidade de ser presidente" dado que "non ten ningunha capacidade de chegar a acordos" 



Na súa intervención, o político socialista augurou que o candidato popular á presidencia do Goberno, Mariano Rajoy, non terá "ningunha posibilidade de ser presidente" dado que "non ten ningunha capacidade de chegar a acordos" ante o escenario sen maiorías absolutas que, segundo prevé, haberá tras as eleccións deste domingo. Un "problema parecido" ao que, na súa opinión, ten Unidos Podemos "coa súa posición política".

Por todo iso, considerou que as apelacións de Rajoy e Pablo Iglesias a que goberne a lista con máis votos revela que "descoñecen como funciona a democracia parlamentaria" onde, a diferenza dos sistemas presidencialistas, "goberna quen consegue máis apoio parlamentario". "O partido que demostrou máis capacidade de acordo é o Partido Socialista", indicou. 

O responsable socialista instou ao candidato de Unidos Podemos a que cambie a súa postura respecto das dúas negativas consecutivas no mes de marzo na votación de investidura de Pedro Sánchez. "Espero que o señor Iglesias rectifique", afirmou Leiceaga, que ademais criticou a "estratexia de campaña" de "minusvalorar" ao Partido Socialista "Estou seguro que os electores van desmentir", manifestou para augurar que haberá un alto nivel de participación "cando menos ao mesmo nivel que o do 20-D". "Hai outras circunstancias" e os cidadáns están "desexosos" de ir votar, considerou.

Pola súa banda o candidato socialista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón, pediu o voto para o seu partido "para acabar coa gran mentira de Rajoy, de Ana Pastor e desta lexislatura do PP para Galicia e para Pontevedra".

Comentarios