A lei do 'só si é si' avanza cara a súa aprobación sen varios puntos sobre a prostitución

O PSOE renuncia a algúns artigos rexeitados por varios grupos no Congreso

La ministra de Igualdad, Irene Montero. EFE
photo_camera A ministra de Igualdad, Irene Montero. EFE

A chamada lei do 'só si é si' deu este mércores un novo paso na súa tramitación parlamentaria despois de que a Comisión de Igualdade aprobase o ditame do relatorio, pero fíxoo sen os artigos sobre a prostitución que máis debate xeraron, tras a aprobación dunha emenda pactada por varios grupos.

O ditame aprobouse por 23 votos a favor e 14 en contra —os de PP e Vox—, co que a lei continua o seu percorrido no Congreso e o próximo paso será a votación no pleno da próxima semana.

Os artigos que saíron da lei son o punto 2 do 187 e o 187 bis que penalizaban proxenetismo non coactivo (non violento) e tamén a quen se lucrase co aluguer de locais destinados a favorecer a explotación da prostitución (a tercería locativa). Forzas como ERC, Bildu, En Comú Podem, Junts ou a CUP querían suprimilos porque defenden a liberdade sexual das mulleres que deciden prostituírse.

Pola contra, o PSOE quería ir máis aló da lei e nunha das súas emendas pedía que se castigase a todo o que se lucrase por calquera vía da prostitución allea, sen a necesidade de que houbese unha relación de explotación, unha proposta que finalmente tivo que retirar para que o texto final contase cos apoios suficientes. 

O PSOE presentará proposición de lei co mesmo texto da iniciativa á que renunciou

Segundo o Ministerio de Igualdade, esta emenda socialista puña en risco a lei e foron varias as ocasións nas que ofreceu a este partido sacar da norma o relativo á prostitución e incluílo na futura lei de trata que anunciou o Executivo sen que os socialistas aceptasen a proposta.

Fontes socialistas confirmaban a Efe que finalmente retirarían a emenda "nun exercicio de responsabilidade" para que non se atrasase" a tramitación da lei do "só si é si", decisión que logo corroborou a deputada socialista Laura Berja durante a súa intervención na comisión. 

As mesmas fontes socialistas indicaron que "a actitude improdutiva e os vetos cruzados dos grupos só logran postergar a aprobación deste texto" e "deixan moi danada unha lei que aborda o consentimento sexual pero non aplicará ningunha medida para impedir unha das peores formas de violencia contra as mulleres". Neste sentido, Berja anunciou que o seu partido presentará este xoves unha proposición de lei co mesmo texto da iniciativa á que renunciou. 

Durante o debate na comisión, a deputada socialista asegurou que a abolición da prostitución é unha cuestión irrenunciable e negou que coa súa emenda se puxese en risco a lei, algo que ao seu xuízo si fixo o resto de grupos coa súa postura. 

A norma, que fai do consentimento expreso unha clave para xulgar os delitos sexuais, votarase no pleno do Congreso a próxima semana

EIXOS DO PROXECTO. O informe redactado polo relatorio si mantén os eixos do proxecto: eliminar no Código Penal a distinción entre abuso e agresión sexual, facer do consentimento expreso a clave para xulgar os delitos sexuais e garantir unha atención integral ás vítimas.

Entre as emendas introducidas destaca a de recoñecer o dereito á residencia e ao traballo ás vítimas de violencia sexual en situación irregular, no marco das autorizacións excepcionais recollidas na lei de estranxeiría.

Tamén se recoñeceu o dereito a recibir axudas ás nais dos menores asasinados polas súas parellas ou exparellas, como vítimas da violencia vicaria, e blindouse o financiamento das medidas incluídas no pacto de estado contra a violencia de xénero, ao establecerse que o Goberno deberá aprobar as partidas orzamentarias necesarias.

Comentarios