As estradas deixaron 1.680 mortos en 2013, un 12% menos que o ano anterior

O pasado ano morreron en accidente de tráfico 1.680 persoas -cinco ao día de media-, o que representa un 12% menos que os contabilizados en 2012, unha cifra histórica que supón un descenso da sinistralidade en practicamente todas as vías, tipo de vehículos e idades.

Son as conclusións do balance definitivo da sinistralidade viaria de 2013 que hoxe presentou a directora xeral de Tráfico, María Seguí, que tamén deu conta da operación especial de verán que comeza en xullo.

Da accidentalidade pechada con datos definitivos logo de contabilizar os falecidos en 2013 no momento do sinistro e nos trinta días posteriores ao mesmo, tanto en estradas como en cidade, Seguí destacou as cifras de 1.680 mortos, 223 menos que no ano anterior e a de 5.529 persoas feridas que tiveron que ser hospitalizadas con lesións de gravidade.

En total rexistráronse 89.519 accidentes con vítimas. Salvo nas persoas que perderon a vida en travesía, cun falecido máis, e un aumento o 2% entre os que morreron entre 65 e 74 anos, todas as "dimensións" melloraron, en palabras de Seguí.

Os datos de 2013 tamén fan que España se sitúe no quinto posto da UE en taxa de falecidos por millón de habitantes (36) por detrás de Suecia con 28, ou Reino Unido, Dinamarca e Países Baixos e, moi por baixo, destacou a directora, da taxa media europea, que se sitúa en 52 mortos.

"Non lles caiba ningunha dúbida de que traballaremos para pasar esa diferenza de 18 puntos con Suecia senón tamén para excedela", deixou claro.

Comentarios