As autoridades malaias apuntan un posible ataque terrorista como a causa da desaparición do Boeing

As autoridades de Malaisia investigan un posible ataque terrorista contra o avión de Malaysia Airlines cuxa procura continúa en augas do Golfo de Tailandia onde desapareceu onte con 239 persoas a bordo.

Os servizos de seguridade investigan a lista de pasaxeiros do voo MH370 tras coñecer que polo menos dous deles viaxaban con pasaportes falsos.

Ambos aparecen en imaxes dun circuíto pechado de televisión (CCTV) que foron postas a disposición da investigación e de axencias de antiterrorismo.

"Temos imaxes de CCTV deles desde a zona de rexistro ata a de embarque e saídas", dixo en rolda de prensa o director xeral do departamento de Aviación Civil, Azharuddin Abdul Rahman.

O italiano Luigi Marald e o austríaco Christian Kozel aparecen na lista de 227 pasaxeiros que viaxaban de Kuala Lumpur a Pequín osábado , pero ningún dos dous estaba en Malaisia ese día.

A Marald roubáronlle o pasaporte hai un ano en Tailandia, onde pasa estes días, e Kozel está en Austria e, como ao primeiro, subtraéronlle o pasaporte en Tailandia dous anos antes, segundo comprobaron as autoridades.

Os pasaportes roubados, unido a que o avión desapareceu nunha zona sen problemas meteorolóxicos, alimentaron as especulacións sobre un posible ataque terrorista.

A investigación tamén se centra en determinar porqué o avión deu media volta antes de desaparecer, tal como recolleron os radares, segundo dixo o xefe das Forzas Aéreas, o xeneral Rodzali Daud.

"Intentamos atopar un sentido (á manobra) que puidemos corroborar nos radares (...). No entanto, non houbo ningún sinal ou chamada de urxencia do piloto, o que nos ten igualmente intrigados", indicou Rodzali.

O ministro de Defensa e de Transportes, Hishammuddin Hussein, dixo que as autoridades estudan todas as posibles razóns por un xiro deste tipo, sen descartar a dun ataque terrorista.

"A desaparición do MH370 non é algo que podamos tomarnos a treo e non podemos descartar ningunha posibilidade. As axencias de intelixencia de países relevantes foron informadas e compartiremos a información a medida que a investigación avance", dixo Hishammuddin.

Estados Unidos enviou un equipo de expertos do Consello Nacional de Seguridade no Transporte (NTSB, polas súas siglas en inglés), acompañados de asesores técnicos de Boeing, a compañía fabricante do avión, e da Administración Federal de Aviación estadounidense (FDA) para axudar nos labores de investigación sobre o ocorrido co aparello.

Tras corroborar a manobra do avión as autoridades ampliaron a zona de procura do aparello en augas do Golfo de Tailandia nunha operación na que participan 22 avións e 40 embarcacións de Malaisia, Vietnam, Singapura e Indonesia.

Hishammuddin confirmou a presenza de manchas de aceite no mar entre Malaisia e Vietnam pero subliñou que, de momento, non se atopou ningún resto do avión.

Un avión de Vietnam avistou o sábado pola tarde dúas manchas de aceite ao sur de Tho Chu -onde a Mariña vietnamita situou horas antes o lugar do posible accidente- que se asemellaban ao residuo que deixaría o carburante da nave desaparecida.

O voo MH370 despegou de Kuala Lumpur ás 00.41 horas (16.41 GMT do venres) e tiña previsto chegar a Pequín unhas seis horas máis tarde.

As autoridades de Aviación Civil malasias indicaron que a última posición do voo MH370 no radar antes de que se perdese o sinal foi ás 01.30 horas do sábado (17.30 GMT do venres), segundo o diario malasio TheStar .

Malayisa Airlines informara inicialmente de que a torre de control de tráfico aéreo de Subang perdeu o contacto co avión ás 02.40 horas.

O piloto do 777 é un malasio de 53 anos e con 18.365 horas de voo de experiencia, que ingresou en Malaysia Airlines en 1981, segundo datos da propia compañía.

Comentarios