A reforma local chega ao Congreso

O pleno do Congreso debate hoxe o proxecto de lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, máis coñecido como reforma local, así como as numerosas emendas totalidade expostas pola práctica totalidade dos grupos parlamentarios.

O Goberno considera que a lei clarificará as competencias, garantirá o financiamento por parte das comunidades dos servizos que presten os concellos e mellorará a transparencia municipal.

Con todo, a maioría dos grupos entende que é un ataque á autonomía municipal e capacidade de representación dos alcaldes.

O Grupo Socialista, que pensa recorrer a lei ante o Tribunal Constitucional por supor un "novo machadazo ao Estado de benestar", proporá ao resto de grupos un compromiso como o subscrito coa reforma educativa: a súa derrogación cando o PP perda a maioría absoluta.

CiU, na súa emenda de devolución, sinala que vulnera a autonomía local e as competencias das comunidades, tal e como dispón o Estatuto de Cataluña, a Carta Europea de Autonomía Local e a Constitución.

Na mesma liña pronúnciase o PNV na súa emenda, na que alerta de que o sistema foral de réxime local pode quedar reducido a "nada" en clara vulneración da Constitución e do Estatuto de Gernika.

Pola súa banda, Izquierda Plural pide a devolución do proxecto ao entender que supón un "atentado" contra o poder democrático municipal e contra o patrimonio dos concellos, e, xa que logo, unha volta á etapa "preconstitucional" de tutela do Estado.

Desde o grupo mixto, ERC sostén que é froito da visión "nacionalista, centralista e homoxeneizadora" do Estado defendida polo PP.

UPyD tamén pediu a devolución do proxecto, xa que a reforma aprobada polo Goberno non afronta os verdadeiros problemas dos concellos; reforza as deputacións, "unhas institucións anacrónicas e pouco democráticas", e "non soluciona o malgasto" nas corporacións.

Comentarios