A nai das nenas asasinadas en Moraña recolle firmas para manter a prisión permanente

Rocío Viéitez Ferro pregúntase que outra pena podería merecer unha pesona que cometeu un delito tan atroz como o que cometeu Davi Oubel
David Oubel, en la Audiencia Provincial
photo_camera David Oubel, en la Audiencia Provincial

A nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai en xullo de 2015, Rocío Viéitez Ferro, iniciou unha recollida de firmas, que xa acumula máis de 2.000 apoios, para que se manteña en vigor a prisión permanente revisable. "Unha persoa que comete un delito desta índole, *que outra pena merece?", pregúntase.

O pai das pequenas Amaia e Candea, David Oubel Renedo, recoñeceu durante o xuízo celebrado a principios de xullo a súa culpabilidade e pediu perdón, tras o cal foi condenado en firme pola Audiencia Provincial de Pontevedra á pena de prisión permanente revisable, a primeira condena destas características que se dita en España.

Ante a controversia xerada por esta pena e as voces que piden derrogala –o Goberno de Mariano Rajoy incluíuna no Código Penal en 2015 e a oposición recorreuna ante o Tribunal Constitucional–, a nai das nenas, que tiñan catro e nove anos de idade cando foron asasinadas, empezou a recoller firmas a través da plataforma Change.org.

"O meu nome é Rocío Viéitez Ferro e son a nai das vítimas. E neste asunto en cuestión mostro o meu total rexeitamento pola decisión dalgúns de solicitar a derrogación desa pena", remarcou, a colación do que incidiu en que "cada persoa é responsable dos seus actos" e, xa que logo, debe afrontar as súas responsabilidades.

"David Oubel debe asumir a condena que lle foi imposta por un delito maior que se axusta por completo á pena que lle foi imposta", manifestou a nai, que apuntou que en todo caso esta pena contempla que o reo poida saír de prisión se "mostra signos de reinserción".

Neste sentido, trasladou que cre na reinserción, pero pediu non esquecer "a parte que permanece, na gran maioría de casos, calada: As vítimas". "*Seica a lei debe protexer mellor e dar máis amparo ao delincuente que á vítima? *A liberdade dun significa a perda de liberdade do outro (vítima)?", preguntou.

comentarios