O xuíz notifica a Pujol a incoación da denuncia de Manos Limpias

Un xuíz de Barcelona pediu hoxe que se notifique expresamente ao expresidente da Generalitat Jordi Pujol e á súa esposa, Marta Ferrusola, a incoación da denuncia presentada contra eles polo sindicato Manos Limpias para que poidan defenderse.

Segundo informou hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC) nun breve comunicado, a maxistrada do xulgado de Instrución 31 de Barcelona acordou ademais "unha fianza de 6.000 euros para Manos Limpias" para persoarse na causa, e "a necesidade de presentar querela" contra Jordi Pujol e Marta Ferrusola.

O pasado 31 de xullo, ese xulgado admitiu a denuncia presentada polo sindicato Manos Limpias en contra de Jordi Pujol, por mor da súa confesión de que ocultou unha fortuna no estranxeiro durante 34 anos, e contra a súa esposa, Marta Ferrusola, como cómplice.

Nun auto, ao que tivo acceso Efe, o xuíz do xulgado de instrución número 31 de Barcelona, ó que recaeu por repartición a denuncia de Manos Limpias, acordou abrir dilixencias previas e notificar a súa decisión á fiscalía.

No seu escrito, presentado nos xulgados o pasado 28 de xullo, Manos Limpias denuncia ao expresidente catalán Jordi Pujol polos delitos de suborno, malversación, prevaricación, tráfico de influencias, delito fiscal, falsidade en documento público e branqueo de capitais, e á súa esposa Marta Ferrusola como cómplice e encubridora.

Na denuncia, Manos Limpias pedía que se abrise unha investigación xudicial por mor da confesión de Pujol e que, entre outras dilixencias, se citara a declarar ao expresident e á súa esposa, e se reclamara a Hacienda que achegue ao xulgado as declaracións dos últimos cinco anos do matrimonio.

No seu escrito, Manos Limpias apuntaba a un informe do grupo da Policía Nacional contra delitos económicos (UDEF) segundo o cal durante a etapa de goberno de Pujol -que estivo entre 1980 e 2003 á fronte da Generalitat- cobrábanse comisións do 4% para a adxudicación de obra pública, do que supostamente o 2,5% ía para financiar a Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) e o outro 1,5% aos petos da familia Pujol.

Manos Limpias precisaba na súa denuncia que o contido deste suposto informe da UDEF foi publicado polo xornal El Mundo e que non foi desmentido.

Ademais, o sindicato incidía na súa denuncia en que a Policía supostamente atribúe parte do diñeiro que a familia Pujol podería ter en paraísos fiscais ao cobro sistemático de comisións ilegais por adxudicacións de obras públicas durante a etapa de goberno de Jordi Pujol.

No seu escrito, Manos Limpias recordaba ademais a denuncia pública que fixo no Parlament o expresidente da Generalitat Pasqual Maragall, no sentido de que o executivo de Jordi Pujol cobraba comisións do 3%: "Vostedes teñen un problema que se chama 3%", soltou en 2005 o entón presidente Maragall, dirixíndose á bancada converxente.

Ademais, Manos Limpias sostiña no seu escrito que o goberno catalán encargou durante a etapa de goberno de Jordi Pujol varios contratos a empresas vinculadas á súa familia, como Hidroplant (fundada por Marta Ferrusola) ou o despacho de arquitectura dunha das súas fillas, Marta, que traballou para a administración autonómica.

Na denuncia, o sindicato apreciaba indicios de que, ao diñeiro procedente da herdanza do pai de Jordi Pujol, se foron acumulando inxentes cantidades de capitais, cuxo orixe non determinaba.

Por todo iso, Manos Limpias considera que Jordi Pujol puido incorrer nos delitos de suborno, tráfico de influencias, branqueo de capitais, delito fiscal, prevaricación, falsidade en documento público e malversación de caudais públicos. Segundo o sindicato, tamén se tería que actuar xudicialmente contra a esposa de Jordi Pujol, Marta Ferrusola, como cómplice e encubridora.

Comentarios