A Garda Civil difunde o vídeo do rescate dos montañeiros en Marrocos

A operación, realizada pola Unidade Especial de Montaña, durou 26 horas, nas que catro axentes traballaron ininterrompidamente ata conseguir sacar do canón as padiolas cos dous corpos

De acordo con informacións difundidas pola propia Garda Civil, o rescate foi realizado pola Unidade Especial de Montaña, pertencente ao Servizo de Montaña do corpo. Trátase dunha unidade superespecializada nos rescates máis complicados en alta montaña, escalada e barrancos. Está formada por 1 Brigada e 6 gardas civís que á súa vez son instrutores de montaña. Teñen a súa base operativa no Servizo de Montaña da Garda Civil en Jaca, Huesca.
 
O equipo que realizou o rescate en Marrocos estaba formado pola brigada e 3 gardas civís.  Desprazáronse ao lugar o pasado domingo 5 de abril nun avión do Corpo Nacional de Policía, sempre segundo o relato do corpo. Chegaron ao campamento basee sobre as 18.30 horas e de aí desprazáronse á zona onde estaban os accidentados, tras media hora de marcha. Unha vez na zona inician a instalación das cordas para progresar pola parede de 400 metros no canón.

O rescate durou 26 horas, nas que traballaron ininterrompidamente estes 4 gardas civís ata conseguir sacar as padiolas cos dous corpos dos falecidos do canón, sobre as 21 horas do luns día 6 de abril. Ao día seguinte, o martes, procedeuse á evacuación dos corpos cun helicóptero marroquí, acción na que tamén participou o equipo de Garda Civil.

 

Comentarios