A fiscal quere que se desestime a demanda de Urdangarín contra varios medios

A fiscal pediu que se desestime a demanda interposta polo duque de Palma, Iñaki Urdangarín, contra varios medios pola divulgación dos seus correos privados, ao estimar que non se vulnerou o seu dereito á intimidade, xa que enviou as mensaxes desde un computador profesional ao que tiñan acceso varias persoas.

No xulgado de primeira instancia número 46 de Barcelona quedou hoxe visto para sentenza o xuízo pola demanda por vulneración ao dereito á intimidade presentada por Urdangarín contra do seu exsocio Diego Torres -tamén imputado no caso Nóos- e sete grupos editoriais por facerse eco de informacións sobre o contido dos seus correos íntimos.

Sen a presenza no xuízo nin de Urdangarín nin de Torres -que xa compareceron nunha vista previa por este caso celebrada en xullo pasado-, a fiscal pediu que se desestime a demanda, mentres que para o avogado do duque, Mario Pascual Vives, quedou acreditado que houbo unha intromisión na súa intimidade ao divulgarse información de carácter "privadísimo".

Urdangarín presentou en maio pasado unha demanda por vulneración ao seu dereito á intimidade na que solicitou unha simbólica indemnización dun euro -máis as costas xudiciais- a cada unha das partes contra as que dirixiu o litixio, á vez que reclamou -e o xuíz acordouno de forma cautelar- que se prohibise a difusión dos correos electrónicos que afectasen á súa intimidade.

A fiscal recordou hoxe no xuízo que na comparecencia que levou a cabo o pasado 16 de xullo, o marido da infanta Cristina admitiu que enviou estes correos, pero que non sabía concretamente a que persoas, desde o seu computador profesional nas oficinas do Instituto Nóos, ao que tiveron acceso varios empregados primeiro e numerosos funcionarios despois.

Segundo a representante do ministerio público, esta versión difire do contido da demanda, que apunta que eran correos dirixidos ao seu exsocio Diego Torres.

A fiscal destacou ademais que ao computador profesional do duque tiñan acceso unha cantidade "inxente" de persoas, desde o medio centenar de empregados do Instituto Nóos ata o CNI e posteriormente, a raíz do caso Nóos, a Policía Nacional, o xulgado e un informático que contrataron para baleirar o dispositivo. "Era un computador da empresa, polo que non cumpría coas expectativas de privacidade", sostivo a fiscal, que rexeitou así o argumento esgrimido polo duque de que non consentiu que se divulgasen os correos.

Ademais, a fiscal apuntou que o Urdangarín é un personaxe cun interese público "innegable" e recordou que as informacións que se fixeron eco do contido destes correos íntimos divulgáronse en plena instrución do caso Nóos, que sempre comportou un gran balbordo mediático. Tamén sostivo que non se puido acreditar que os medios demandados publicasen os correos, senón que se fixeron eco do seu contido.

A fiscal tamén subliñou que non existe ningunha proba de que fose Diego Torres quen recibiu os correos e facilitounos a terceiros. Para o ministerio público, non quedou acreditado que beneficio podería ter Torres filtrando os correos, e posteriormente os medios publicándoos, e tampouco se puido demostrar que o duque sufrise dano moral, psíquico ou profesional pola divulgación.

Por contra, o avogado de Urdangarín, Mario Pascual Vives, insistiu en que os correos tiñan un carácter "indubidablemente privado e íntimo" e que se divulgou o seu contido sen o seu consentimento: "o entretemento non pode ser a costa do ataque gratuíto aos dereitos do demandante". Ademais, indicou que o duque non exerce ningunha función de carácter público; que esta divulgación non axuda a informar á opinión pública sobre aspectos de interese xeral e que se deu un "matiz morboso" a correos de carácter "privadísimo".

Os avogados dos medios demandados e o letrado de Diego Torres, ademais de aliñarse coa fiscalía, pediron que se impoña o pago das costas xudiciais ao duque de Palma.

Os representantes legais dos medios alegaron que se os correos chegaron á opinión pública foi pola "conduta neglixente" do duque, que escribiu mensaxes íntimas nun computador profesional ao que tiñan acceso numerosas persoas.

Comentarios