A Femp estuda fusionar concellos pero descarta a desaparición das deputacións

A Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) está a realizar un estudo sobre o futuro das deputacións provinciais, que exclúe a súa desaparición, e sobre a posible fusión de concellos para rediomensionar o mapa local español.

Así o manifestou, nunha entrevista con Efe, o presidente dese organismo e alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, quen recordou que o estudo responde o mandato da Asemblea xeral da Femp celebrada en setembro na que se acordou levar a cabo unha análise da estrutura municipal.

Partidario de non "improvisar nin usar de forma partidista" un asunto tan importante como a estrutura do Estado, Zoido considera unha "auténtica barbaridade" a proposta dalgúns sectores do PSOE de suprimir as deputacións provinciais.

Zoido cre que estas administracións "teñen moita razón de ser" para a prestación e garantía dos servizos públicos nos municipios pequenos, pero deben "redimensionarse" sen que quede minguada esa función.

CONCELLOS ABSORBIDOS
Dentro dese estudo, que a Asemblea encomendou ao novo equipo que preside Zoido, inclúese tamén unha análise para ver que municipios poden ser susceptibles de ser absorbidos por outros. "Traballamos nesa liña e, sen ningún tipo de alarma, teremos tanto que redimensionar as deputacións, que son fundamentais, como levar a cabo adaptacións nos municipios", resume o rexedor de Sevilla.

E para iso, a Femp quere seguir criterios técnicos e prescindir dos políticos ou partidismos, nada aconsellables, considera Zoido, nun asunto como este, que require o máximo consenso e unha garantía de obxectividade "".

Aínda que cre que nesta materia haberá acordo entre as distintas forzas políticas, advirte da inconveniencia de propostas partidistas como, segundo el, a que encabezaron os socialistas cando nas eleccións do pasado 22 de maio perderon a maioría das deputacións.

Tras esa derrota, o PSOE pediu a eliminación desas entidades provinciais, subliña Zoido, antes de insistir na necesidade de adoptar medidas que "miren ao futuro" sen que iso leve a eliminación deses organismos.

Comentarios