A defensa de Garzón pide que se anule o xuízo

O avogado de Baltasar Garzón, Gonzalo Martínez-Fresneda, pediu hoxe ao Tribunal Supremo que anule todas as actuacións que levaron ao xuíz ao banco por querer investigar os crimes do franquismo, porque vulneraron a legalidade e porque a acusación popular carece de lexitimidade.

Na súa exposición durante a primeira sesión do xuízo a Garzón por un delicto de prevaricación, polo que a acusación exercida polo sindicato ultradereitista Manos Limpias e a asociación Liberdade e Identidade piden 20 anos de inhabilitación, Martínez-Fresneda denunciou as "irregularidades" cometidas durante a instrución que, ao seu xuízo, tiveron un efecto "devastador" para o xuíz.

Así mesmo, reclamou ao tribunal que declare a falta de lexitimidade de Manos Limpias para acusar a Garzón amparándose na chamada "doutrina Botín" do alto tribunal, que establece que non se poderá abrir xuízo oral se a única acusación é a popular, como neste caso, e non acusa o particular nin a Fiscalía.

Respecto da instrución, considerou que o maxistrado do TS Luciano Varela, instrutor da causa aberta tras a querela inicial de Manos Limpias, "vulnerou normas esenciais do procedemento, tomou partido e perdeu a súa imparcialidade".

Martínez-Fresneda recordou como Varela optou por dar unha "segunda oportunidade" ás acusacións ao atopar defectos nos seus escritos de acusación e como, no caso de Manos Limpias, chegou a suxerir a forma na que debía corrixir eses erros, ao explicar ao sindicato que debía precisar a cualificación do delicto de prevaricación incluíndo o termo "a propósito".

O letrado pediu ademais á sala que, se non anula a causa, acepte escoitar como testemuñas a varios xuristas españois e estranxeiros -cuxo testemuño foi rexeitado polo Tribunal Supremo- que defenden as mesmas teses que Garzón para que valore "se as súas opinións son razoadas ou son pamemas".

Pola súa banda, o avogado de Manos Limpias, Joaquín Ruiz Infante, opúxose ás peticións da defensa e defendeu a lexitimidade da acción popular para acusar cando se prexudiquen intereses xerais.

Comentarios