A AN avala todas as dilixencias realizadas por Garzón, salvo as escoitas ilegais

A Audiencia Nacional avalou as dilixencias de investigación no caso Gürtel (como picadas telefónicas e rexistros) porque non gardan relación coas escoitas ordenadas polo xuíz Baltasar Garzón que foron declaradas nulas e que lle custaron unha condena de 11 anos de inhabilitación.

A sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional adoptou esta decisión nun auto, ao rexeitar as pretensións de nove imputados de declarar "a nulidade absoluta e radical" de todo o procedemento, baseándose en que a ilegalidade das escoitas acordadas por Garzón entre avogados e acusados en prisión era "extensiva" ao resto das probas na causa.

"Pretender que esa pretensión se xeneralice a todas as dilixencias de investigación anteriores e posteriores á concreta conduta ilegal cometida suporía materializar unha irregular transmisión da contaminación procesual detectada", o que levaría ademais deixar impunes os delitos investigados nesta causa.

Segundo as defensas deses imputados, as dilixencias de Gürtel estarían conectadas coas conversacións gravadas en prisión entre os presuntos xefes da trama, Francisco Correa e Pablo Crespo, e os seus avogados, declaradas ilícitas en 2010 polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM). O Tribunal Supremo condenou a Garzón por estes feitos a 11 anos de inhabilitación en febreiro de 2011.

Coa súa resolución de hoxe, os maxistrados Ángela Murillo (presidente), Teresa Palacios e Juan Francisco Martel (relator), confirman a validez das probas que foi acordada polo actual xuíz instrutor do caso Gürtel, Pablo Ruz, o pasado outubro cando afirmou que a nulidade desas escoitas non afecta as dilixencias practicadas antes e despois de que, entre febreiro e maio de 2009, se producisen as conversacións picadas en prisión.

Segundo fontes xurídicas, a decisión da Sala despexa o camiño do instrutor para finalizar a investigación e levar esta causa a xuízo.

As gravacións anuladas, segundo sinalou Ruz no seu día, non se produciron no momento inicial da investigación, senón nun "momento ulterior onde xa se acordaron dilixencias como intervencións telefónicas, entradas e rexistros domiciliarios e outras derivadas".

O pasado xuño, a sección cuarta do Penal da Audiencia Nacional xa validou unhas gravacións de Gürtel, as que fixo o exconcelleiro de Majadahonda (Madrid) José Luis Penas a Correa e que deron orixe ao caso, despois de que 10 imputados, entre eles Luis Bárcenas, pedisen a súa nulidade por vulnerar o dereito á intimidade.

Comentarios