A Matas acábaselle a semiliberdade: debe regresar a prisión

 A Audiencia de Palma desestimou o recurso da defensa do expresidente do Govern balear Jaume Matas contra a anulación do seu réxime penal aberto, que lle permitía saír da prisión de Segovia durante o día e pasar en liberdade as fins de semana.

O tribunal provincial confirmou o auto do Xulgado de Vixilancia de Valladolid, que suspendeu inicialmente o pasado 17 de novembro o réxime de semiliberdade do que Matas gozaba desde o 31 de outubro por decisión da Secretaría General de Instituciones Penitenciarias.

O expresidente balear e exministro de Medio Ambiente, que cumpre desde o pasado 28 de xullo unha condena a 9 meses de cárcere por tráfico de influencias na primeira peza xulgada do caso Palma Arena, terá que volver a un réxime de reclusión ordinario.

A concesión do terceiro grao a Matas por parte de Instituciones Penitenciarias contradixo a opinión maioritaria da xunta de tratamento do cárcere de Segovia e foi recorrida pola Fiscalía.

A sección primeira da Audiencia de Palma, a mesma que condenou o expresidente por tráfico de influencias, subliña que o seu delito "foi moi grave" pola "súa repercusión institucional e social" e o "descrédito" do sistema político que xerou, o que no seu momento motivou que se lle denegase a substitución da pena por multa, como solicitou a súa defensa.

Para os maxistrados, resulta rechamante que Matas non sexa sometido a tratamento algún na prisión "en aras da consecución da finalidade resocializadora" da súa reclusión, "pois resultaría hilarante considerar tratamento o apuntase a un campionato de frontenis".

"Nada cambiou na conduta do penado e xa que logo entende este tribunal que seguen absolutamente vixentes e permanecen inalterables os argumentos que expuxemos nas dúas resolucións denegatorias da suspensión e da substitución da condena", argumentan os xuíces, que recordan que Matas foi declarado tamén culpable está de suborno no segundo xuízo ao que foi sometido.

Para a Audiencia, que Matas acudise voluntariamente a prisión en xullo "non significa asunción de responsabilidade, senón a aceptación do seu inexorable destino", e non hai dúbida de que non recoñece a súa culpa nin está reinsertado, porque "publicita con ostentación o repudio ao castigo penal". "Non cremos que limpar a cela (unha obrigación de todos os internos), saír ao polideportivo (a pesar de ter problemas de saúde) e apuntarse a un campionato de frontenis poida considerarse un tratamento que modifique a perspectiva criminolóxica de Jaume Matas", engade.

Subliña así mesmo o tribunal que non hai ningún dato "non subxectivo e interesado" no expediente que supuxo a concesión do terceiro grao ao exlíder do PP balear que certifique que ten traballo, pese ao alta como autónomo que rexistrou cando xa estaba en prisión.

"De terse en conta exclusivamente as posibilidades laborais externas e a inserción familiar, poderíase chegar ao sinsentido de que quen dispuxese delas podería delinquir cunha certa impunidade, pois tería que ser clasificado inmediatamente cun réxime de semiliberdade", apostilan os maxistrados.

Por todo iso, e considerando que a enfermidade auditiva que sofre Matas "non é grave" e pode ser tratada en prisión, a Audiencia conclúe que non se aprecia a superación dos factores que influíron no seu actuar delituoso e, xa que logo, a capacidade para asumir o réxime de semiliberdade". 

Comentarios