Josep Piqué tira a toalla

Josep Piqué, nunha imaxe da web do PP de Cataluña
photo_camera Josep Piqué, nunha imaxe da web do PP de Cataluña

Finalmente houbo divorcio. O presidente do PP catalán Josep Piqué e o seu vicepresidente Francesc Vendrell presentaron a súa dimisión irrevogable á fronte da organización, poñendo fin a catro anos de sombras electorais e de desencontros coa cúpula do partido en Madrid.

A gota que colmou o vaso tería sido a “imposición” de Ángel Acebes dun equipo electoral para as eleccións xerais do 2008. Un dos homes fortes deste equipo, que prescinde de colaboradores de confianza de Piqué, sería Alberto Fernández Díaz, un tradicional opositor do ata hoxe presidente do PP catalán.

De militante comunista a ministro do PP
A carreira política de Piqué está chea de cambios de rumbo e tendencia. Fillo do último alcalde franquista de Vilanova i Geltrú, militou na súa xuventude en formacións políticas de esquerda como o PSUC,  de ideoloxía comunista e de extrema esquerda, como Bandera Roja.

Cos anos, a súa carreira como avogado e empresario foi “arrefríando” o seu posicionamento ata situarse preto do nacionalismo burgués catalán. Malia todo, foi finalmente o PP quen o incluíu nas súas listas, antes de que pasara a formar parte da súa militancia en 1999.

Piqué desembarcou en Cataluña hai catro anos para relevar a Vidal-Quadras á fronte dun partido en claro retroceso electoral. Deixaba atrás unha etapa na que fora ministro ininterrompidamente dende 1996, cando se converteu en titular da carteira de Industria despois de presentarse como independente nas listas do PP. Antes de coller a ponte aérea o 2003 foi tamén Ministro Portavoz, Asuntos Exteriores e de Ciencia e Tecnoloxía.

Desencontros

A súa etapa á fronte do PP catalán, onde non conseguiu enderezar a sangría de votos da formación, estivo pragada de velados enfrontamentos coa dirección nacional, especialmente co secretario xeral Ángel Acebes. Nunca amosou publicamente a súa oposición ás medidas ditadas de Génova, pero foi deixando críticas nos medios de comunicación, especialmente sobre a xestión do 11-M, da derrota electoral nas Xerais do 2004 ou con respecto ó Estatuto Catalán. 

En xullo de 2005, unhas polémicas declaracións súas a Catalunya Radio espertaron unha tempestade en Génova. Nelas reclamaba que o PP “se abrise a máis voces” pois afirmaba que “a Acebes e Zaplana, dous personaxes políticos de gran valía, son identificados pola sociedade cunha etapa moi concreta que nos conecta co pasado”.

Trala recriminación pública de Rajoy, Piqué presentou a dimisión que foi rexeitada polo presidente do partido. Dous anos despois volve a presentala, desta vez de forma irrevogable. Malia todo, será difícil que a figura de Piqué se esvaeza e non volva a recuperar  protagonismo no futuro.

Comentarios