Investigan a morte por ictus dun home de 36 anos vacinado con Janssen

Ata o momento, os rexistros sanitarios españois non recollen ningún falecemento relacionado coa vacina estadounidense
Vacunas de Janssen. EFE
photo_camera Vacinas de Janssen. EFE

As autoridades sanitarias investigan a morte dun home de 36 anos veciño dun pobo da Sierra Sur de Sevilla que sufriu un ictus a primeiros de xullo, dez días despois de recibir a vacina de Janssen contra o covid-19.

Nada máis ter o informe dos médicos que lle atenderon, no que se reflicten as sospeitas dos facultativos, segundo adiantou El Mundo e confirmaron a Efe fontes da Consellería de Saúde, a Xunta de Andalucía deu traslado do expediente ao Centro Andaluz de Farmacovigilancia, que informou á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

No informe reflíctese que o falecido non tiña patoloxías previas á vacinación, que recibiu o 25 de xuño no seu centro de traballo, e comezou a sentirse mal uns días despois.

O 5 de xullo, ao sentirse peor, foi trasladado ao hospital de La Merced de Osuna, onde se determinou que sufrira un ictus, polo que foi enviado ao hospital Virgen del Rocío de Sevilla, onde faleceu.

Ata o momento, os rexistros sanitarios españois non recollen ningún falecemento relacionado coa vacina de Janssen.

Comentarios