Inspectora de Hacienda: "Nunca se cambiou de criterio para protexer á infanta"

Unha testemuña no caso Nóos asegura que a inspeccionaría en caso de atopar indicios para facelo

Unha inspectora de Hacienda que declara como perito no xuízo do caso Nóos subliñou que "a Axencia Tributaria nunca cambiou de criterio" durante a investigación da causa para protexer á infanta Cristina, á que inspeccionaría en caso de atopar indicios para facelo. A funcionaria, que foi a responsable da primeira inspección que puxo de manifesto presuntos delitos fiscais de Iñaki Urdangarin e Diego Torres, aproveitou a súa intervención no xuízo para rebater posicións do xuíz instrutor, José Castro, e da Audiencia de Palma respecto de supostas modificacións de postura da Axencia Tributaria.

Cando a presidenta do tribunal, Samantha Romero, indicou á perito que non era necesario que se estendese nas súas xustificacións, o fiscal Pedro Horrach sinalou que a acusación contra a infanta, que sostén en solitario Mans Limpas que exerce a acción popular, está amparada nese suposto cambio de criterio de Hacienda aludido en varias resolucións xudiciais. "De forma directa ou indirecta, imputan á Axencia Tributaria ter cambiado de criterio para salvar a dona Cristina de Borbón", incidiu o fiscal Horrach.

A funcionaria explicou que comezou a inspección por mor da investigación de movementos por 147.800 euros en efectivo, en billetes de 500 euros, dunha conta do Instituto Nóos por parte da muller de Diego Torres, Ana María Tejeiro, que extraeu esa cantidade en xuño de 2008 e uns días despois volveuna ingresar. Explicou que entón non sabía que había unha investigación penal a Torres, Urdangarin e o Instituto Nóos aberta nun xulgado de Palma.

A inspectora dixo que non recibiu ningunha orde dun superior en relación con esta inspección. A preguntas do fiscal sobre se a infanta aparecía nalgún momento cando empezou a inspección a Tejeiro e ao Instituto Nóos, tamén respondeu que non.

Comentarios