Imputados os líderes de Coalición por Melilla e PSOE por comprar votos no 2008

Os líderes de Coalición por Melilla (CPM) e do PSOE da cidade autónoma foron citados para declarar en calidade de imputados por unha suposta compra de votos nas eleccións xerais do 2008. A citación produciuse no marco dunha investigación aberta por un xulgado de instrución melillense, que pretende indagar se Mustafá Aberchán (CPM) e Diniosio Muñoz (PSOE) cometeron un delito hai tres anos, cando ambos os partidos acudiron en coalición aos comicios, ofrecendo postos de traballo e alterando o voto por correo.

Segundo informaron fontes xudiciais, os dous dirixentes políticos están citados xunto a outros seis imputados máis, entre os que se atopan outros membros da executiva socialista, ademais de familiares directos de Aberchán. CPM anunciou que levará aos tribunais aos dous xornais de máis tirada na cidade polo tratamento informativo ás últimas detencións --ademais deles hai outros 25 arrestados--.

Segundo o auto de imputación emitido polo xulgado, o procedemento xurdiu a partir do envío aos cidadáns dunhas cartas falsas aproveitando as eleccións. Tras darlle lectura, o xuíz considerou que existen indicios da existencia dun "armazón" que pretendeu a "obtención ilexítima" de votos a favor para a coalición CPM-PSOE, incumprindo os trámites establecidos para o voto por correo e que comprende distintas fases.

Estas fases van desde a solicitude do voto mediante "dádivas, promesas ou remuneracións directas", consistente na promesa ou concesión dun posto de traballo nos plans de emprego dependentes da Delegación do Goberno; o incumprimento dos trámites establecidos para o voto por correo mediante a súa "manipulación directa" ou a remisión de cartas falsas como efecto chamada ou en confirmación das promesas realizadas. Así mesmo, o auto fai referencia á "alteración ou incumprimento" dos criterios establecidos para a atribución de postos de traballo dos citados plans, con obxecto de dar "preferencia" ás persoas que votaron a CPM-PSOE ou que prestaron servizos para a devandita coalición.

Mediante un comunicado enviado aos medios, o líder socialista Dionisio Muñoz queixouse da "persecución en toda regra" á que están a ser sometidos tanto el como Mustafá Aberchán por parte do Partido Popular. Asegurou que "fomos seguidos, vixiados e estamos cos teléfonos intervidos", e comparou a súa situación co Watergate: "Nixon, a través duns colaboradores, intentou espiar á oposición política para destruír a súa estratexia; neste caso, o presidente do PP, Juan José Imbroda, tivo a sorte de contar cun xuíz para realizar esa espionaxe", escribiu Muñoz na nota.

Comentarios