Hervías dimite como secretario de Organización de Ciudadanos

Expresa o seu desexo de exercer outra función na formación
Fran Hervías. EFE
photo_camera Fran Hervías. EFE

O secretario de Organización de Cidadáns, Fran Hervías, presentou este martes  a súa dimisión a través dunha carta e ponse a disposición do seu partido para seguir achegando o seu "granito de area" e que Cs siga sendo un partido "forte, unido e cunha única voz". Segue así os pasos doutros membros da cúpula de Albert Rivera, como Juan Carlos Girauta, José Manuel Villegas e Fernando de Páramo, que tamén renunciaron ao seu cargo tras a marcha de Rivera.

Hervías, que deixa a porta aberta a continuar formando parte do proxecto, expresa o seu apoio a Inés Arrimadas, convencido, se así o decide a militancia, de que "é a persoa ideal para liderar este proxecto e conseguir grandes éxitos". Na carta repasa a súa traxectoria en Cs, onde leva militando trece anos, deles os dez últimos como membro do Comité Executivo, e detense especialmente no traballo que levou a cabo para a implantación territorial da formación laranxa.

Non hai no texto ningunha referencia aos pésimos resultados electorais que levaron a Rivera a dimitir, pero si saca peito de que Cs consiga gobernar para máis de 20 millóns de españois. Cre que Cs, se antes era unha opción necesaria, agora é "imprescindible".

Durante estes días houbo en Twitter un aluvión de mensaxes de dirixentes laranxas en apoio de Fran Hervías, que, segundo denunciaron algúns medios, estaría orquestrado desde a súa contorna.

Comentarios